Antas de Ulla prepárase para celebrar o San Xoán con dous días de música, tradición e convivencia

Antas de Ulla vivirá os días 23 e 24 de xuño unha nova edición das festas de San Xoán cun amplo programa de actividades que combinará música, tradición e propostas para todos os públicos.
A celebración comezará o martes 23 de xuño coa tradicional cea de San Xoán, que terá lugar ás 21.30 horas na Praza Nova. O menú estará composto por pan, liscos, sardiñas e larpeira, cun prezo de 7 euros por persoa. As entradas poden adquirirse nos distintos establecementos da vila ou a través do teléfono 625 784 849, correspondente a Maite, preferiblemente mediante mensaxe de WhatsApp.
A medianoite terá lugar o acendido da fogueira de San Xoán na rúa Rodeiro. A continuación, ás 00.15 horas, a cantante Lucía Pérez ofrecerá unha actuación acompañada pola Banda de Antas de Ulla na Praza Nova. A festa continuará desde as 01.30 horas coa sesión musical do DJ Casanova.
A programación continuará o mércores 24 de xuño. Ás 11.30 horas celebrarase un pasarrúas coa Banda de Antas de Ulla. Posteriormente, ás 13.00 horas, a igrexa acollerá unha misa cantada, seguida da procesión e dun concerto da Coral Sons do Farelo. Xa ás 14.00 horas, a Banda de Música de Antas de Ulla ofrecerá un concerto na Praza Nova.
Durante a tarde haberá espazo para a música tradicional da man de Airiños de Orbazai. A xornada festiva culminará ás 22.30 horas cunha gran verbena amenizada pola Orquestra Alianza na Praza do Concello.
A organización informa de que, en caso de choiva, todas as actividades previstas se trasladarán á Praza Nova. Desde o Concello de Antas de Ulla e a Comisión de Festas San Xoán Antas de Ulla animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nestas celebracións e a desfrutar de dous días marcados pola tradición, a música e a convivencia.