Antas de Ulla será o escenario da XI Marcha Ciclista Unificada, organizada por Special Olympics Galicia
O Concello de Antas de Ulla será o escenario o próximo venres 6 de outubro da 'XI Marcha Ciclista Unificada', organizada por Special Olympics Galicia co obxectivo de concienciar sobre a inclusión. Está aberta a persoas con e sen algún tipo de discapacidade intelectual ou de desenvolvemento.
Na presentación da proba en Antas de Ulla estiveron o presidente de Special Olympics, Eladio Fernández Pérez; a alcaldesa, Pilar García Porto; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero Méndez; Ana María Guerreiro, concelleira de Servizos Sociais e Atención Cidadá, e José Manuel Almuíña, concelleiro de Obras.
“Un evento deportivo que pon a Antas no mapa, porque reunirá a participantes de toda Galicia no noso concello, que é o centro xeográfico de Galicia e reúne moitas e boas condicións para este tipo de probas deportivas”, explica a alcaldesa, Pilar García Porto.
“Ademais, é unha marcha inclusiva, que ten moito de aprendizaxe para as persoas que forman parte dela, pero tamén para os que disfrutaremos coa súa presenza”, engadiu García Porto, que agradece ao clube ciclista San Miguel a súa participación na carreira acompañando aos competidores.
A marcha pretende dar visibilidade ao colectivo de persoas con discapacidade, erradicando así as barreiras físicas e psicolóxicas coas que aínda se atopan na sociedade actual. Como di o lema de Special: “Quero ganar, pero se non o consigo, deixádeme ser valente no intento”.
Este ano Prodeme; Aspanas; As Burgas; Aspas; Eu Son; San Francisco, e Con Eles son as sete entidades que participarán na marcha para concienciar e difundir a través do deporte unha imaxe positiva e respectuosa das persoas con discapacidade intelectual.