Antas de Ulla suspende todas as fogueiras de San Xoán ante a alerta por altas temperaturas

LugoXa
A alcaldesa, Pilar García Porto, adopta a medida por motivos de seguridade debido á situación meteorolóxica excepcional e ao elevado risco de incendios
san-xoan-festas-fogueira-fogata
23 Jun 2026

O Concello de Antas de Ulla decidiu suspender todas as autorizacións concedidas para a realización das fogueiras de San Xoán previstas para a noite deste 23 de xuño. A medida foi adoptada pola alcaldesa, Pilar García Porto, mediante a sinatura dun decreto municipal motivado pola situación meteorolóxica excepcional que afecta estes días ao municipio e ao conxunto de Galicia.

A decisión chega nun contexto marcado polas altas temperaturas rexistradas durante as últimas xornadas e pola declaración de alerta laranxa por calor, circunstancias que incrementan de maneira significativa o risco de incendios e outras incidencias relacionadas co uso do lume ao aire libre.

Desde o Concello explican que se trata dunha medida tomada con responsabilidade e pensando na protección das persoas, das vivendas, das explotacións agrícolas e do patrimonio natural do municipio. A alcaldesa recoñeceu que o San Xoán constitúe unha das celebracións máis arraigadas e agardadas do calendario festivo, unha noite de convivencia e tradición moi especial para a veciñanza, pero considera que as condicións actuais obrigan a priorizar a seguridade por riba de calquera outro aspecto.

Pilar García Porto sinalou que, dadas as circunstancias, esta é a decisión máis responsable e necesaria para evitar situacións que poidan poñer en risco á poboación e aos bens do municipio. Neste sentido, apelou á comprensión e á colaboración da cidadanía ante unha medida que busca previr posibles incidentes nunha xornada especialmente sensible debido ás condicións meteorolóxicas.

O Goberno local agradeceu a responsabilidade e a prudencia da veciñanza e lembrou que haberá novas oportunidades para celebrar as tradicións populares, insistindo en que a protección das persoas debe prevalecer sempre sobre calquera outro interese.

0.12200212478638