Anuncian a creación dunha conexión ferroviaria directa entre Lugo e Madrid a primeira hora

O alcalde de Lugo, o presidente de Renfe e o delegado do Goberno en Galicia anunciaron a posta en marcha dunha nova conexión ferroviaria con Madrid a primeira hora da mañá, dando así resposta a unha demanda histórica da cidade.
O novo servizo permitirá saír de Lugo ás 5:18 horas, facilitando a chegada á capital de España en horario temperán, ben de forma directa no tren Alvia que chega a Madrid ás 10:13 horas, ou a través da conexión co AVE en Ourense, que permitirá estar en destino ás 9:43 horas.
Durante a comparecencia, o alcalde puxo en valor a relevancia deste avance para a cidade: “Hoxe é un día importante para Lugo, porque damos resposta a unha demanda histórica da cidade: poder contar cunha conexión útil a primeira hora con Madrid”.
O rexedor subliñou que este logro é froito dun traballo continuado e discreto: “Durante moito tempo isto parecía algo difícil de conseguir, pero hoxe vemos que, con traballo serio e constante, avanzamos. Este paso non é casualidade: é o resultado de meses de diálogo, de propostas concretas e de defender Lugo onde había que facelo”.
Pola súa parte, o presidente de Renfe, Álvaro Fernández Heredia, destacou que o traballo conxunto desenvolvido co equipo do alcalde Miguel Fernández deu como resultado “unha colaboración moi fructífera”, que permitiu á operadora coñecer de primeira man as necesidades reais da poboación lucense. Neste sentido, asegurou que esta liña de colaboración permitirá seguir avanzando na mellora das conexións ferroviarias de Galicia e, en particular, de Lugo, tal e como se vén reflectindo nos últimos meses.
O alcalde enmarcou este avance nun momento clave para a cidade, coincidindo coa posta en marcha da estación intermodal: “Este avance chega nun momento moi importante para Lugo. O que queremos é que a intermodal non sexa só unha infraestrutura moderna, senón que vaia acompañada de servizos reais: máis frecuencias, mellores horarios e conexións útiles para a vida diaria da xente”.
Fernández quixo facer fincapé no importante esforzo investidor que se está a realizar: “Lugo está a vivir a maior inversión ferroviaria da súa historia, con máis de 645 millóns de euros na modernización da liña Lugo–Ourense–Monforte, aos que se suma a construción da estación intermodal con máis de 22 millóns de euros”.
Así mesmo, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, puxo en valor o compromiso do Goberno de España coa mellora das conexións ferroviarias e co desenvolvemento territorial, destacando que actuacións como esta contribúen directamente a incrementar a calidade de vida da cidadanía galega. Neste sentido, subliñou que a posta en marcha desta conexión supón un avance significativo para Lugo e para o conxunto de Galicia, evidenciando o traballo que se está a realizar nos últimos anos en materia de infraestruturas. “Hoxe gaña Galicia e, sobre todo, gaña Lugo”, concluíu.
Con todo, o rexedor incidiu en que este é un paso máis nun camiño que debe continuar: “Non nos conformamos. Este é un avance importante, especialmente para facilitar viaxes de ida e volta no día, pero queremos seguir mellorando: máis frecuencias, mellores conexións e seguir facendo atractivo o tren para a cidadanía”. Finalmente, Fernández concluíu cunha mensaxe clara: “Lugo non pide privilexios, pide igualdade. E nese camiño imos seguir traballando, con seriedade, con diálogo e con compromiso real coa cidade”.