Anuncian a licitación dun novo contrato de bus e a creación do Consorcio do Centro Histórico e a Área Metropolitana

LugoXa
A portavoz do Partido Popular foi moi crítica coa xestión denunciando a falta de persoal e de atención aos traballadores municipais, cuestionou a credibilidade do executivo por proxectos anunciados
pleno-ordinario-novembro-Lugo
29 Dec 2025

O Concello de Lugo celebrou este luns o pleno sobre o estado da cidade, unha sesión marcada polo balance da xestión municipal, a lembranza das persoas falecidas ao longo do último ano e o anuncio de importantes proxectos de futuro, nun contexto de intenso debate político entre o goberno local e a oposición. A mobilidade, o modelo de cidade, a evolución demográfica, a mellora do espazo urbano e as relacións institucionais centraron boa parte das intervencións.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo (BNG), abriu a súa intervención lembrando a Paula Alvarellos e Pablo Permuy, falecidos este ano, así como a Felipe Rivas, que deixou o Concello por motivos de saúde. Arroxo cualificou 2025 como un ano duro no plano humano, pero subliñou que, malia as dificultades, o goberno municipal mantivo a actividade e a xestión sen interrupcións.

No ámbito da mobilidade, Arroxo destacou que o transporte urbano bateu récords históricos de uso en 22 dos últimos 24 meses, permitindo que 2024 fose o mellor ano da historia en número de viaxeiros e que 2025 volva superalo amplamente. Porén, recoñeceu que o contrato vixente do bus urbano non se axusta ás necesidades reais da cidade, ao limitar quilómetros, liñas e frecuencias malia o incremento da demanda. Por este motivo, anunciou que o Concello non prorrogará o contrato que remata en xuño e que en xaneiro se iniciarán os traballos para sacar a licitación un novo prego, que permitirá ampliar percorridos, crear novas liñas e mellorar horarios.

O futuro contrato contemplará novas conexións entre barrios como Lamas de Prado e Abella co sur da cidade, a unión do cemiterio co norte urbano, melloras na puntualidade de liñas como a 1 e a 5, así como un reforzo de horarios en zonas de emprego como o polígono do Ceao. Tamén se avanzará na dixitalización do servizo, coa súa integración en aplicacións como Google Maps e coa ampliación das pantallas informativas nas paradas. Ademais, o proceso de elaboración do novo contrato contará cunha fase de participación cidadá aberta.

Arroxo anunciou igualmente a posta en marcha, tras as festas do Nadal, dun proxecto piloto de taxi a demanda en dúas parroquias, co obxectivo de estender o servizo ata cubrir o 97 % da poboación en 2026 e alcanzar o 100 % en 2027, unha medida que definiu como unha cuestión de xustiza territorial. Na súa intervención tamén repasou actuacións de mellora do espazo público, como a transformación de contornas escolares, a expansión dos vieiros escolares, a renovación de rúas e barrios, a creación do primeiro cemiterio público de mascotas de Galicia e diversas iniciativas de dinamización do mercado municipal. No eido cultural, destacou a consolidación de Lugo como referente cunha programación estable durante todo o ano, o funcionamento do Auditorio Fuxan os Ventos e o éxito das festas de San Froilán.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Fernández (PSOE) reforzou a mensaxe dun balance positivo, afirmando que Lugo é hoxe unha cidade máis habitable, que xera oportunidades e gaña poboación. Neste contexto, anunciou que o Goberno local activou os primeiros pasos técnicos para impulsar a creación dun Consorcio do Centro Histórico e abrir un proceso de diálogo cos concellos limítrofes para explorar a constitución dunha área metropolitana de Lugo.

Fernández defendeu que as áreas metropolitanas son unha ferramenta fundamental para optimizar recursos, evitar duplicidades e competir en mellores condicións no acceso a fondos europeos. Subliñou que se trata de sumar capacidades e de pensar a cidade e o territorio en clave de futuro, desde o respecto mutuo, destacando que cando Lugo lidera con xenerosidade e propón proxectos compartidos, avanza non só a cidade, senón tamén a comarca e a provincia. O alcalde situou estas iniciativas nunha estratexia a medio e longo prazo baseada na planificación, no equilibrio territorial e na cooperación institucional, reivindicando un urbanismo que xere oportunidades, uns servizos públicos eficaces, un casco histórico vivo, barrios con futuro e un rural atendido.

Desde a oposición, a portavoz do Partido Popular, Elena Candia, foi moi crítica coa xestión do goberno local. Denunciou a falta de persoal e de atención aos traballadores municipais, cuestionou a credibilidade do executivo por proxectos anunciados que non chegan a materializarse e considerou inadmisible debater sobre o futuro da cidade sen coñecer os orzamentos de 2026. No ámbito do transporte, instou o goberno a non licitar un novo contrato do bus urbano e a apostar pola xestión directa do servizo. Candia tamén criticou a aprobación do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, a ordenanza da zona de baixas emisións e o que considera unha falta de liderado do executivo, así como unha estratexia de confrontación constante coa Xunta de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.078940868377686