Anuncian en Ribadeo un plan de acción para a pesca artesanal

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
13 Out 2019

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou en Ribadeo o compromiso da Xunta co sector da pesca artesanal e sinalou que Galicia contará cun plan de acción para este sector con horizonte 2030. Esta ferramenta, expuxo a titular de Mar, “verá a luz no 2020 e con ela atendemos as peculiaridades da nosa frota”. Así o explicou durante a clausura do V Congreso de Pesca Artesanal do Cantábrico-Noroeste, na que estivo acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez.    

Rosa Quintana tamén detallou que o plan involucra a un colectivo de máis de 6.500 persoas que faenan nas preto de 4.000 embarcacións de artes menores con porto base en Galicia e que conta con 143 millóns de euros procedentes do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, sen contar coa previsión de que o novo fondo sume axudas, puntualizou.  

Ademais, engadiu, esta folla de ruta atende aspectos como a gobernanza e xestión pesqueira, a investigación, a mellora do sector e a avaliación das pesqueiras, a conservación do medio mariño e a eficiencia da frota. A diversificación de actividades, a comercialización, o procesado dos produtos do mar e a súa promoción, difusión e imaxe, así como o patrimonio cultural marítimo-pesqueiro son outros aspectos que contempla o plan. 

En relación ao concepto da pesca artesanal, a conselleira sinalou que cando falamos del “irremediablemente pensamos no que se denomina pesca sustentable, un novo concepto xa coñecido de antigo polo sector”. Unha pesca sustentable, indicou, “que é eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento, que fomenta a competitividade e a viabilidade das empresas do sector coa inclusión da pesca costeira artesanal e que prioriza a mellora das condicións de seguridade no traballo”. 

Neste contexto, subliñou Rosa Quintana, “sempre foron e seguirán sendo fundamentais para Galicia os fondos europeos destinados ao sector marítimo-pesqueiro”. De feito, lembrou que de cara ao novo fondo 2021-2027 Galicia fixa entre as súas liñas prioritarias a pesca artesanal. Ademais, engadiu,  a comunidade autónoma galega demanda que dea resposta real ao cumprimento dos obxectivos marcados pola Política Común de Pesca. Tamén solicita máis apoio público directo e a súa simplificación para axilizar a súa aplicación, dando seguridade xurídica ao sector para facelo máis competitivo. 

Dentro da pesca sustentable, Rosa Quintana fixo referencia ao bonito e lembrou que por segundo ano consecutivo Galicia demandou no mes de agosto o incremento da cota desta especie por ser un recurso que se atopa en boa situación biolóxica. “Tamén solicitamos unha mellor xestión para que a campaña se prolongue como mínimo ata setembro, como viña sendo habitual”, engadiu. Estas demandas, expuxo, “son de vital importancia para a frota que pesca esta especie dun xeito artesanal e respectando a legalidade”. 

O congreso da pesca costeira artesanal deste ano é a quinta reunión interfederativa das confrarías do Cantábrico-Noroeste organizada pola Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo, que recuperou estas xuntanzas para analizar e reflexionar sobre aspectos que son comúns en todo o caladoiro co obxectivo de unir esforzos nos temas claves para o futuro do sector pesqueiro. 

Como en anos anteriores, nela participaron representantes das Federacións de Confrarías de Guipúzkoa, Bizkaia, Cantabria, Asturias, Lugo, A Coruña e Pontevedra. Algúns dos temas que se trataron nesta quinta edición foron os descartes de pesca, a pesqueira do bonito e o futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.

0.20540714263916