Anuncian que o Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz terá un deseño interior funcional e sostible

LugoXa
O novo equipamento permitirá catas, 'showcookings' e accións formativas, integrando patrimonio histórico, eficiencia enerxética e promoción do produto local
futuro-Centro-Enogastronómico-da-Fábrica-da-Luz-Lugo
27 Feb 2026

O Concello de Lugo anunciou que o Centro Enogastronómico da Fábrica da Luz contará cun deseño interior pensado para converter este histórico inmoble na beira do Miño nun espazo plenamente operativo, preparado para acoller catas, showcookings, formación especializada e encontros profesionais vinculados á cultura gastronómica e vitivinícola.

O proxecto organiza de forma detallada a distribución funcional do edificio, estruturando as distintas áreas para permitir usos simultáneos e unha programación estable durante todo o ano.

A actuación enmárcase no Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) “Et Edendo, Lucus: Un percorrido histórico pola enogastronomía”, co que o Concello conseguiu unha achega de 2 millóns de euros dos fondos europeos Next Generation integrados no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. A rehabilitación integral do edificio foi adxudicada por 554.212,94 euros, e o proxecto de interiorismo completa a intervención definindo o modelo funcional do futuro centro.

O deseño estrutúrase ao redor dun eixo principal de circulación que organiza os percorridos e conecta visualmente as áreas expositivas, formativas e profesionais. Desde o acceso principal, disporase dunha zona de acollida e información que funcionará como punto distribuidor cara ás distintas áreas.

O espazo de showcooking e formación contará con tres postos de cociña equipados con placas de indución de alta potencia (7.400 W), fornos ventilados encastrables, sistemas profesionais de extracción e campá mural en aceiro inoxidable, ademais de zonas de fregado, lavavaixelas e vinoteca especializada con capacidade para ata 78 botellas. Estes equipos permitirán desenvolver demostracións en directo, obradoiros e accións formativas con garantías técnicas e de seguridade.

Complementariamente, habilitaranse cinco mesas circulares de gran formato para catas e degustacións, con capacidade para grupos organizados, así como zonas de encontro profesional e áreas de traballo colaborativo para asociacións, produtores e entidades do sector. A disposición en planta favorece a flexibilidade, permitindo adaptar o centro á celebración de eventos, presentacións ou accións promocionais de distinta escala.

O proxecto incorpora criterios de sostibilidade e eficiencia enerxética coherentes coa rehabilitación arquitectónica, utilizando iluminación LED de baixo consumo, materiais duradeiros e certificados, madeira con selo FSC e superficies minerais de alta resistencia e fácil mantemento, adecuadas para uso público intensivo. Ademais, o deseño cumpre co Código Técnico da Edificación, coa normativa de accesibilidade universal e cos requisitos do PRTR, incluído o principio de “non causar dano significativo” (DNSH).

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Mauricio Repetto, subliñou que “non se trata simplemente dun deseño estético, senón da configuración dun equipamento estratéxico para a cidade, con planificación técnica, criterios de eficiencia e unha visión clara de sostibilidade económica e funcional”. Explicou que “cada zona foi pensada para cumprir unha finalidade concreta, desde a divulgación ata a formación profesional, garantindo que o centro sexa útil tanto para o sector como para a cidadanía” e destacou que “este investimento público responde a unha estratexia de transformación que aposta polo talento local, pola promoción do produto e pola consolidación de Lugo como destino gastronómico de calidade”.

0.13274502754211