Apagan os semáforos no cruzamento entre Rolda de Fingoi e Alfonso X

O Concello de Lugo apagou os semáforos do cruzamento entre a Rolda de Fingoi e a rúa Alfonso X O Sabio e deu inicio ao funcionamento dunha nova rotonda, segundo explicou Rubén Arroxo, tenente alcalde e edil responsable de Mobilidade, durante a visita á zona acompañado por Alexandre Penas, responsable de Infraestruturas Urbanas. Arroxo destacou que esta actuación permitirá "mellorar a fluidez do tráfico e aumentar a seguridade na intersección".
O cambio transformou un cruce regulado por semáforos nun espazo máis integrado e funcional, axardinado e esteticamente mellorado, reducindo os tempos de espera e aumentando a seguridade viaria. Ademais, adaptouse o alumeado ao novo deseño mediante iluminación LED e modificouse a rede de saneamento para garantir a correcta drenaxe da zona.
Con esta medida, o Goberno local pretende crear un cruce máis seguro para os peóns, garantir a continuidade da rúa e optimizar a circulación nunha das zonas máis transitadas da cidade.