Aprobado un convenio co Concello de Cervantes para mellorar camiños municipais en San Xiao de Lamas

LugoXa
A actuación contará cun investimento próximo aos 50.000 euros e completarase cun apoio a un programa de reinserción social en centros penitenciarios da provincia
Lamas-Cervantes
3 Jan 2026

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu luz verde a un convenio de colaboración co Concello de Cervantes destinado á mellora de accesos e camiños municipais en distintos puntos do lugar do Pandelo, Val de Horta e Lamas, na parroquia cervantega de San Xiao de Lamas. A intervención permitirá renovar varias vías de titularidade municipal que soportan un uso intensivo, especialmente polo tránsito habitual de maquinaria agrícola que se despraza ás explotacións gandeiras da zona.

Os traballos previstos inclúen a limpeza integral dos camiños, a reapertura das cunetas e o acondicionamento do firme, actuacións que permitirán incrementar a seguridade e mellorar as condicións de circulación nestas vías. O investimento total ascende a case 50.000 euros, dos cales a Deputación achega practicamente a totalidade, cunha contribución de 48.400 euros. O Concello de Cervantes disporá dun prazo de dous meses para executar as obras unha vez formalizado o acordo.

Na mesma sesión, a Deputación de Lugo tamén aprobou outro convenio polo que destinará 23.900 euros á Asociación Penitenciaria Concepción Arenal para o desenvolvemento dun programa de reinserción social e laboral. Baixo o título Preparando liberdades: programa de apoio á reinserción social de persoas con trastorno por consumo de sustancias, a iniciativa está dirixida a persoas internas nos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.

O programa ten como finalidade favorecer a abstinencia, mellorar o benestar persoal das persoas participantes e preparalas para a súa integración social e laboral unha vez remate o período de privación de liberdade, reforzando así os procesos de acompañamento e inclusión tras a saída do cárcere.

⚙ Configurar cookies
0.068452119827271