Aproban a contratación das obras do desdobramento entre Nadela e A Pobra de San Xiao

LugoXa | SarriaXa
O proxecto, cun orzamento de máis de 37 millóns de euros, permitirá converter en autovía o último treito do corredor CG-2.2 e beneficiará a arredor de 100.000 persoas
estrada-lugo-sarria-corredor-alta-velocidade
16 Dec 2025

O Consello da Xunta acordou autorizar a contratación das obras de conversión en autovía do treito comprendido entre Nadela e A Pobra de San Xiao por un importe de 37.381.352 euros.

A actuación afecta aos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo e permitirá culminar o desdobramento do corredor Nadela-Sarria, completando así a vía de alta capacidade que conectará a capital lucense con Sarria.

Trátase do último tramo pendente da CG-2.2 para completar a transformación en autovía. A primeira fase, correspondente aos 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria, entrou en servizo en novembro do ano 2022 tras un investimento de 25 millóns de euros. Agora, coa nova contratación, pecharase definitivamente este eixo estratéxico.

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas prevé licitar as obras nos vindeiros días co obxectivo de iniciar a súa execución no ano 2026. O prazo previsto para os traballos é de 30 meses.

As obras permitirán construír un novo treito de 13,5 quilómetros de lonxitude que comeza na glorieta de Nadela e remata no enlace da Pobra de San Xiao, xa operativo. Deste xeito, quedará completada a autovía que unirá Lugo e Sarria.

Segundo o proxecto elaborado pola Axencia Galega de Infraestruturas, a nova calzada discorrerá paralela á actual pola marxe esquerda da CG-2.2 en sentido Lugo. O inicio do trazado sitúase na glorieta de Nadela, de titularidade estatal, onde conflúen as autovías A-6 e A-54 e as estradas N-VI, LU-11 e LU-546.

Ao longo do percorrido inclúense actuacións destacadas como os enlaces do Corgo, no punto quilométrico 5+200, e de Maceda, no quilómetro 10+500, xa adaptados para sección de autovía, así como un cruzamento inferior baixo a autovía A-54 no quilómetro 0+300.

O proxecto contempla tamén a execución de dous novos viadutos paralelos aos existentes sobre os ríos Chamoso e Neira, a ampliación de 13 pasos superiores e a prolongación de 7 pasos inferiores. Ademais, prevese a construción de 11 obras de drenaxe transversal, dous muros de contención con noiro de desmonte no primeiro quilómetro do trazado e os axustes necesarios para garantir a correcta conexión entre o treito xa rematado e o novo.

Esta actuación permitirá culminar a conversión do corredor Nadela-Sarria nunha vía de alta capacidade, que pasará a denominarse AG-22. A nova infraestrutura contará con dúas calzadas e dous carrís por sentido, cun límite de velocidade de 120 km/h, o que permitirá reducir os tempos de desprazamento e facilitar os adiantamentos en condicións de seguridade. O conxunto viario beneficiará a arredor de 100.000 persoas, ademais dos transportistas que empregan esta vía nas súas viaxes laborais.

⚙ Configurar cookies
0.078748941421509