Apróbase un novo modelo de concesión de subvencións nominativas a asociacións en Lugo

LugoXa
O obxectivo é aportar máis axilidade na tramitación das achegas e simplificar trámites administrativos, "o que repercutirá de xeito positivo no tecido asociativo da cidade", explica a alcaldesa
Xunta-Goberno-Local-Lugo
27 Nov 2024

O Concello de Lugo aprobou na Xunta de Goberno local un novo modelo de concesión de subvencións nominativas a asociacións co obxectivo de aportar máis axilidade na tramitación das achegas e simplificar trámites administrativos, "o que repercutirá de xeito positivo no tecido asociativo da cidade e incentivará a súa capacidade de traballo en prol da comunidade nos seus diferentes eidos de actuación", explican desde o Goberno local.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, valorou positivamente o novo modelo normalizado de convenio, que “redundará nunha tramitación máis áxil das subvencións previstas no orzamento municipal con repercusión tanto nas axudas actuais como nas dos vindeiros exercicios. Con este tipo de acordo imos canalizar dunha forma máis rápida e efectiva as subvencións previstas nas contas municipais”.

Trala valoración deste novo modelo por parte dos servizos municipais de Fomento, Asesoría Xurídica e Intervención, deuse o visto bo a esta nova opción de convenio, no que se prevé, ademais, un pagamento anticipado do 50 por cento do importe da subvención en concepto de entrega de fondos con carácter previo á xustificación. Esta tramitarase no momento da sinatura do convenio por ambas partes, sen necesidade de solicitude previa por parte da entidade beneficiaria e con dispensa de garantía.

Ademais, o novo modelo do Concello de Lugo establece, a efectos de execución, delegar nos distintos concelleiros das área implicadas as atribucións correspondentes á aprobación dos convenios reguladores das subvencións, o que achegará dinamismo a todo o procedemento burocrático e acurtará prazos na concesión e pagamento destas subvencións. “Este cambio de sistema repercutirá de forma positiva no nosos tecido asociativo e aportará seguridade aos colectivos”, rematou a alcaldesa.

0.16517496109009