Nova data para o concerto de Ara Malikian en Lugo
Ara Malikian actuará no Auditorio Gustavo Freire de Lugo presentando a súa última xira mundial The Ara Malikian World Tour. O concerto terá lugar o día 5 de marzo ás 20.30 horas.
Nun principio, o concerto ía ter lugar o día 9 de xaneiro. Porén, tras detectar un positivo no equipo técnico imposible de reemplazar con tan pouco tempo de antelación, o concerto foi aprazado ata o vindeiro 5 de marzo. As entradas adquiridas para a primeira data serán válidas para esta segunda.
O artista, libanés de nacemento, conta con ascendencia armenia e residencia e nacionalidade española. Iniciouse no violín de moi pequeno grazas ao seu pai e coa temperá idade de 12 anos, deu o seu primeiro concerto importante.
Con tan só 14 anos o director da orquestra Hans Herbert.Jöris escoitouno conseguindo para el unha beca do goberno alemán para realizar estudos no prestixioso centro superior de estudos musicais Hochschule für Musik und Theater Hannover.
Gañou numerosos concursos de prestixio mundial e tocou en salas de gran influencia por todo o panorama mundial en Nueva York, París, Madrid, Londres, Tokio, Estambul, Berlín, Atenas, Hong Kong entre outras moitas. A este repertorio sumarase, o vindeiro domingo, o Gustavo Freire de Lugo.
THE ARA MALIKIAN WORLD TOUR
É unha xira que se centra na infancia despois de pasar máis tempo co seu fillo debido á situación sanitaria creada pola Covid.
A perseveranza é un dos eixos principais, o artista afirma “Cando vin ao meu fillo camiñar por primeira vez despois de meses de caídas, de intentos errados, de golpes e volta a probar, entendín que un día todos fomos esa forza que o tempo fai que esquezamos”.
“Esta xira é o resultado de ver crecer ao meu fillo, é o resultado do meu crecemento ao seu lado, é todos eses sons e melodías que tentan darlle forma ao que sentín e inspiroume del e da vida a través del. É un encontro co neno que non puiden ser e soñase ser. É unha homenaxe a eses seres que son tan libres como un paxaro libre” continúa.
Ara asegura que “os nenos son os seres máis auténticos que te podes atopar, son salvaxes, son a tenrura na súa esencia e están cheos dunha verdade insultante, non teñen medo a equivocarse, son libres e expresivos e todo o que fan está repleto de arte. Se miras a un neno entendes case todo o que fuches e hai un tempo que non te permites ser”. Esta foi a chave e a esencia desta xira que terá lugar esta fin de semana en Lugo.
As entradas poden adquirirse en: https://aramalikian.entradas.plus/entradas/ara-malikian-lugo-2022 dende os 48 euros ata os 58.