Arranca o programa Primavera Xove
Ponse en marcha o programa Primavera Xove con diferentes propostas entre as que destacan estadías gratuítas de fin de semana nos albergues Lug II, en Lugo capital, e Gandarío, en Bergondo (A Coruña), con 80 prazas en cada caso.
As solicitudes poden presentarse na páxina web de Xuventude, onde tamén se poderá consultar a programación completa. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición.
As actividades comezarán esta mesma fin de semana e continuarán durante as tres seguintes, rematando o 6 de xuño. Poderán participar mozas e mozos de entre 14 e 17 anos e incluirá o aloxamento de venres e sábado, a manutención completa e unha variada listaxe de actividades lúdicas e culturais.
O programa Primavera Xove tamén inclúe feiras que se celebrarán os venres nos espazos xoves de Vilalba, Viveiro e Chantada. Estes encontros, nos que participarán os institutos de cada zona, terán un aforo limitado e contarán con obradoiros de cultura urbana e actuacións musicais.
A terceira proposta consiste en charlas formativas a cargo de poñentes recoñecidos en diferentes eidos que terán lugar en varios campus de Galicia os mércores do mes de maio -a partir de hoxe, día 12-, dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.
Trátanse de opcións de lecer e ocio seguras para a xuventude, que se desenvolverán respectando as medidas de prevención, seguridade e hixiene establecidas para facer fronte á covid-19. Ademais son unha oportunidade para fomentar a convivencia e coñecer outros espazos da xeografía galega.