Arrancan os almorzos saudables en Outeiro de Rei, que serán unha vez ao mes

LugoXa | TerraChaXa
Todo o alumnado de Primaria participará na iniciativa, na que se ofrecen alimentos de orixe galega amparados por selos de calidade
almorzo-saudable-outeiro-de-rei
31 Jan 2025

Alumnado de 6º de Primaria do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei participou no primeiro almorzo saudable organizado polo Concello en colaboración coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, co fin de promover bos hábitos alimentarios entre os nenos e nenas.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, asistiu á actividade, que se desenvolverá unha vez ao mes para que poidan participar os estudantes de todos os cursos de Primaria.

Nos almorzos ofrécense alimentos de proximidade e produtos amparados por algún dos selos de calidade de Galicia: Artesanía Alimentaria, Agricultura Ecolóxica, Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida. Entre eles figuran leite, iogures, froita, pan, aceite, queixos, mel, marmeladas, galletas, torta de castañas ou cacao, todos de orixe galega, moitos deles da provincia de Lugo.

Arias destacou que este tipo de iniciativas enmárcanse nos obxectivos da Rede Galega de Promoción da Saúde, que busca potenciar as estratexias locais que melloren a saúde da poboación.

Tamén subliñou a importancia de que os estudantes consoliden prácticas axeitadas nas primeiras etapas da vida, tanto no ámbito alimentario como en todos os aspectos do seu autocoidado. Nese sentido, destacou que as consellerías con competencias en Sanidade e Educación colaboran en distintos programas para fomentar hábitos apropiados entre os escolares galegos.

O proxecto que comeza no colexio de Outeiro de Rei inclúe así mesmo unha charla informativa sobre os coidados bucodentais, organizada en colaboración co Colexio de Ondontólogos e Estomatólogos de Lugo.

Nesta primeira sesión estiveron presentes docentes do colexio, a primeira tenente alcalde, Begoña Seco Varela; o alcalde, José Pardo Lombao; a presidenta do colexio odontólogo de Lugo, María Nuñez Otero; o cociñeiro e embaixador de experiencia de calidade de Galicia, José Manuel Mallón Ardións, xunto ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias Fouz e a xefa territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Sagrario Sánchez.

0.16860604286194