Arrhythmia presenta o seu novo disco 'CERØ' e inicia unha nova etapa musical

LugoXa
A banda lucense aposta por un son máis afinado e experimental tras un ano de traballo no estudo
Arrhythmia-grupo-Lugo
13 Mar 2026

A banda luguesa Arrhythmia presenta o seu novo disco, 'CERØ', un traballo que marca o inicio dunha nova etapa creativa tras un ano de intenso traballo no estudo. O grupo, con orixe en Lugo, aposta neste lanzamento por unha maior claridade de ideas sen renunciar á enerxía e ao discurso que caracterizaron a súa traxectoria musical.

Ao longo dos últimos anos, Arrhythmia consolidouse como unha proposta singular dentro da escena alternativa galega, cun estilo que nace da mestura de diferentes universos sonoros. A súa música combina metal e electrónica, rap e rock, nunha proposta interpretada en galego e sen filtros que busca converter o ruído en linguaxe e mesturar intensidade e reflexión nas súas cancións.

A banda foi recoñecida en dúas ocasións nos Premios Martín Códax da Música, primeiro en 2018 como mellor banda de metal galego e posteriormente en 2023 na categoría de mellor banda heavy e metal. Estes galardóns contribuíron a consolidar un son propio que oscila entre momentos de gran contundencia e outros máis hipnóticos, sempre cunha identidade marcada.

Durante o último ano o grupo decidiu afastarse temporalmente dos escenarios para centrarse na creación do seu novo material. Ese tempo de traballo permitiu á formación desenvolver con calma un novo capítulo musical e definir con maior precisión a súa identidade sonora. O resultado é o EP 'CERØ' (Galunk Producións, 2026), un miniálbum composto por cinco temas: «Insaciables», no que colaboran Rebeliom do Inframundo; «MesIAs»; «Amnesia»; «Agonía», xunto ao artista Grande Amore; e «Euforia».

O vocalista da banda, Alberto Busto, explica que o proceso de gravación se desenvolveu con especial coidado e dedicación. “Estivemos gravando dun xeito bastante meticuloso e, por primeira vez na nosa carreira, con moita calma e intentando que quedase ao cen por cento ao noso gusto. O proceso foi tan importante como o resultado”, sinala.

Segundo detalla, neste novo traballo a banda mantén a súa esencia musical baseada no metal alternativo e no metalcore, pero abre a porta a novas experimentacións. “Aquí fomos un pouco máis arriscados, experimentando máis coas músicas electrónicas e con melodías algo máis pop, sen perder a nosa esencia”, afirma Busto, que confía en que o novo son resulte fresco e sorprendente para o público.

No plano temático, o EP percorre distintos estados emocionais e reflexións sociais. Cancións como «Amnesia» ou «Agonía» presentan unha vertente máis introspectiva e persoal, mentres que outros temas combinan esa dimensión íntima con unha mirada crítica, como sucede en «Euforia». Pola súa banda, «Insaciables» ou «MesIAs» adoptan un ton máis directo na crítica social.

A presentación de 'CERØ' supón tamén o regreso da banda aos escenarios. Arrhythmia xa anunciou a primeira data da súa xira, prevista para o 11 de abril dentro do Festival A Candeloria, onde interpretará por primeira vez en directo as novas cancións.

Con este lanzamento, o grupo reafirma a súa identidade artística e abre unha nova etapa creativa, mantendo o seu propósito de transformar a distorsión en emoción e dotar de significado ao caos sonoro.

0.13107395172119