Arrinca a primeira edición das residencias artísticas do Coliving do Carme en Lugo

LugoXa
Tres creadores desenvolverán durante tres meses proxectos que combinan artesanía, pintura, danza e patrimonio rural
Inauguración-oficial-residencias-artísticas-do-CAM-Lugo
5 Feb 2026

Lugo deu comezo á primeira edición das residencias artísticas do Coliving do Carme, unha iniciativa municipal pioneira que aposta pola creación contemporánea ligada á contorna natural, ao patrimonio rural e á identidade cultural do municipio. Durante os próximos tres meses, as persoas seleccionadas nesta convocatoria pública traballarán nas súas propostas nun espazo concibido para a experimentación artística e o intercambio creativo.

As residencias están protagonizadas por un artesán de Ourense e dúas artistas multidisciplinares procedentes da Coruña e Cantabria, cuxos proxectos foron escollidos entre un total de 27 candidaturas presentadas. As propostas destacan pola combinación de diferentes linguaxes artísticas e pola súa conexión coa paisaxe, a tradición e o Camiño Primitivo.

Entre os proxectos seleccionados atópase Cancela Fermosista, de Álvaro Corral, unha investigación arredor do bordado e da artesanía tradicional galega que culminará nunha intervención in situ no CAM, empregando materiais como o fío de metal. Pola súa banda, María Susinos desenvolve Lluvia templada, unha proposta pictórica vencellada á expresión literaria que explora espazos de ensoño a través dunha pintura pluvial sobre liño, en diálogo coa terra galega. Completa a residencia Venera, de Marta Cuba, unha instalación que integra bordado e danza e que utiliza o simbolismo do xardín como nexo entre o humano e o transcendente.

Ademais do traballo creativo, o programa contempla a integración dos artistas no tecido cultural e educativo da cidade mediante actividades abertas á cidadanía, incluídos encontros con centros educativos, así como un proceso de acompañamento para o desenvolvemento de novas iniciativas culturais e de emprendemento creativo.

O Coliving do Carme, construído na antiga casa do pintor Gómez Pacios, consolídase así como un novo espazo para a innovación cultural en Lugo, favorecendo a creación artística contemporánea desde unha perspectiva enraizada no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.079279184341431