Arrincan os preparativos para mellorar Serra de Meira e Fermín Rivera

O Concello de Lugo aprobará na próxima Xunta de Goberno Local o convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para iniciar as obras de mellora da rúa Serra de Meira, unha actuación incluída no Plan Paradai. O proxecto chegou o pasado venres 6, permitindo que os servizos técnicos municipais puidesen analizalo e informar sobre el.
O Goberno local lamenta o retraso no envío do documento, dado que o progresivo deterioro da rúa continúa xerando problemas de seguridade e dificultando a mobilidade da veciñanza desta zona en expansión.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou a importancia desta intervención dentro do Plan Paradai, lembrando que outras actuacións, como a mellora da Calzada das Gándaras, aínda dependen de avances por parte da Xunta. “Non imos deixar de reclamar que se cumpran todos os compromisos do plan porque Lugo necesita que cada proxecto se execute”, subliñou.
Tras a firma do convenio e a análise técnica do proxecto, iniciaranse de inmediato os trámites administrativos e recadarase a documentación necesaria da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, co obxectivo de que as obras poidan comezar canto antes.
Ao mesmo tempo, o Concello tamén está a piques de formalizar o convenio para a mellora integral da rúa Fermín Rivera, situada na contorna fluvial do barrio da Ponte. Este proxecto desenvolverase grazas á cooperación coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, cun investimento superior aos 2 millóns de euros, dos que a Confederación asumirá o 95 % e o Concello o 5 %.
O rexedor explicou que a intervención permitirá recuperar este espazo como lugar de encontro, paseo e relación coa natureza, un paso máis na estratexia municipal de transformar os ríos en espazos públicos de referencia e mellorar a calidade de vida urbana.