O Concello de Lugo aproba bonificacións fiscais para o alugueiro e a creación de emprego

LugoXa
Arroxo alerta de que as bonificacións fiscais do PP poden comprometer a estabilidade económica de Lugo
pleno-extraordinario-ordenanzas-fiscais-Lugo
15 Oct 2026

O Pleno do Concello de Lugo aprobou unha modificación das ordenanzas fiscais para incentivar o alugueiro de vivendas, favorecer a implantación de novas empresas e impulsar a creación de emprego no municipio.

No ámbito residencial, a reforma establece unha bonificación do 95 % no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) para os propietarios que incorporen os seus inmobles ao programa municipal Lugo Aluga. A iniciativa busca aumentar a oferta de vivendas en alugueiro a prezos asumibles e proporcionar garantías tanto ás persoas propietarias como ás inquilinas.

As medidas tamén pretenden apoiar o crecemento do tecido empresarial e facilitar a ampliación das instalacións de compañías xa asentadas en Lugo. Para iso, prevén bonificacións de ata o 80 % no IBI, no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) e no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE), condicionadas ao cumprimento dos requisitos establecidos nas respectivas ordenanzas e vinculadas á creación de emprego.

Con esta reforma fiscal, o goberno local busca mobilizar vivendas para o alugueiro, atraer novos proxectos empresariais e xerar oportunidades laborais que contribúan a reter o talento na cidade.

REACCIÓN DO BNG

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou de "preocupante" a modificación das ordenanzas fiscais proposta polo goberno municipal do PP e a concelleira tránsfuga. Segundo advertiu, as bonificacións previstas en impostos como o IBI, o IVTM ou o ICIO poderían comprometer a estabilidade económica do Concello.

Arroxo lembrou que Lugo xa viviu situacións de inestabilidade financeira durante os gobernos do Partido Popular nos anos noventa, cando, segundo indicou, moitos provedores chegaron a valorar deixar de traballar coa Administración municipal polos atrasos nos pagos. O portavoz nacionalista estableceu un paralelismo coa situación actual e afirmou que o PP continúa demorando os pagos a pequenos provedores desde a súa chegada ao goberno.

O representante do BNG tamén cuestionou o reparto dos beneficios fiscais, ao considerar que favorecen as persoas con maiores ingresos. Como exemplo, referiuse ás bonificacións vinculadas ao IBI e á compra de vehículos eléctricos. "Bonifícase ata un 50 % a quen merque un coche eléctrico, pero a persoa que leva 25 anos cun coche diésel porque non pode cambialo non ten ningún tipo de bonificación", sinalou. Arroxo sostivo que estas medidas poden trasladar unha maior carga fiscal ás persoas con menos recursos.

O BNG reclama máis vivenda pública

A situación da vivenda foi outro dos asuntos abordados por Arroxo, que asegurou que o BNG leva anos formulando propostas para afrontar unha das principais preocupacións da veciñanza. A súa formación defende medidas lexislativas para evitar que a vivenda se converta nun ben de especulación e insiste na necesidade de incrementar a construción de vivenda pública.

O portavoz nacionalista lembrou que as competencias nesta materia corresponden aos gobernos autonómicos e criticou a política da Xunta. Ao comparar a xestión do PP coa etapa na que o BNG tivo responsabilidades en materia de vivenda, afirmou que o Goberno galego "non construíu unha soa vivenda pública ata que chegaron os fondos Next Generation".

Arroxo cualificou ese período de "15 anos perdidos" e advertiu de que a falta de promoción pública deixa o mercado en mans privadas, o que, ao seu xuízo, repercute nos prezos.

O BNG prepara as candidaturas para o 29N

Sobre as eleccións do 29 de novembro, Arroxo explicou que o BNG xa está a reunir as asembleas comarcais para propoñer nomes para as candidaturas ao Congreso e ao Senado.

Segundo detallou, despois elaborarase unha proposta a nivel nacional que volverá trasladarse ás asembleas comarcais. O proceso rematará coa decisión da militancia, que será a encargada de escoller as persoas que integrarán as candidaturas.

0.16309404373169