Arroxo anuncia que trasladará ás institucións o peche do centro de saúde de Nadela por parte parte da Xunta

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, e a deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Valcárcel, desprazáronse ata Nadela onde anunciaron que o BNG presentará unha batería de iniciativas nas distintas institucións para "manter o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas". O BNG afirmou que "cada ano durante o verán a Xunta forza á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade".
O BNG leva anos traballando xunto coas veciñas e veciños de Nadela para evitar o peche do centro de saúde, trasladando a problemática ás distintas institucións onde ten representación, e apoiando as mobilizacións organizadas pola veciñanza. Arroxo defendeu que "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta".
Para o portavoz do BNG, "non prestar un servizo esencial como é a atención primaria merma a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela en todas as iniciativas que levaron adiante para reclamar un servizo de atención primaria digno. "Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro", afirmou.