Arroxo asegura que a nova ordenanza de contaminación acústica permitiría actuar para pechar o local da rúa Tui

O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, anunciou que no vindeiro pleno preguntará porqué o goberno segue sen avanzar na tramitación da nova Ordenanza de Contaminación Acústica na que o anterior goberno estivo traballando antes da moción de censura. Arroxo afirmou que "o traballo xa está feito, só hai que comezar a tramitación da nova ordenanza levándoa a pleno".
Na actualidade, o Concello conta cunha ordenanza reguladora de contaminación acústica antiga, aprobada no 1999, que non se está a adaptar ás problemáticas que estamos a vivir. "Despois de traballar durante meses con decenas de reunións técnicas, coa Policía Local, etcétera, conseguimos ter un documento que podería dar ferramentas para darlle solución aos problemas de convivencia creados por locais de ocio nocturno", dixo Arroxo.
A ordenanza elaborada polo anterior goberno conta cun réxime sancionador ligado aos ruídos que poidan impedir o descanso da veciñanza. Así, o seu artigo 39, que corresponde ao apartado da convivencia veciñal, estabelece que o comportamento nos espazos de convivencia "debe manterse dentro dos límites da convivencia boa cidadá e do respecto aos demáis" e prohibe accións "que comporten unha perturbación evitable" da conducta cívica normal.
O artigo 39 recolle unha serie de cuestións que afectan á convivencia e que serían sancionables, como por exemplo o punto 2: gritar ou berrar sen causa xustificada, o que impedirá situacións que ata o de agora non se podían sancionar, como que unha persoa se poida poñer a berrar na rúa durante a noite, impedindo o descanso da xente. Tamén recolle calquera comportamentos persoais que comporten unha perturbación evitable da convivencia e da conduta cívica normal, que impida o descanso da xente ou xere unha situación de malestar.
Ligado a isto, o novo artigo 54 introduce unha modificación que permite á Policía Local intervir neses casos. Ademais, incorpórase un réxime sancionador que ata agora non existía na ordenanza. "Isto permite que, ante un caso no que se está a montar barullo, a xente está a pegar berros ou se está a xerar ruído, a Policía Local teña a ferramenta para actuar e para sancionar", afirmou o portavoz do BNG, que engadiu "tal e como como recolle a Ordenanza, primeiro tería que advertir; se o comportamento continúa, é cando ten a potestade para poder sancionar".
Arroxo lembrou que o Concello traballo "con todos os axentes implicados" na elaboración desta nova ordenanza e engadiu que "a parálise do PP só responde á mesma estratexia de sempre, crear confrontación pero non dar solucións reais aos problemas das e dos veciños".