Arroxo e López escoitan á veciñanza de Pías para atender necesidades e reforzar o tecido asociativo

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, mantiveron un encontro coa veciñanza de Pías, onde recolleron de primeira man as peticións e necesidades trasladadas polos veciños e veciñas.
Rubén Arroxo destacou que “o tecido asociativo dos diferentes barrios e zonas periurbanas é moi necesario para a cidade. Dende a Tenencia de Alcaldía mantemos unha comunicación permanente coas asociacións para coñecer de primeira man calquera necesidade e actuar con axilidade”. Engadiu que “o diálogo directo coa veciñanza e coas directivas é clave para garantir que estes espazos estean nas mellores condicións posibles e respondan ás necesidades reais do barrio”.
Pola súa banda, Cristina López lembrou que desde a Área de Participación se traballa activamente na dinamización das asociacións veciñais, dotándoas dunha programación estable ao longo do ano. Así, impártense cursos e obradoiros de distintas temáticas, como cestería, poda, repostería e outras propostas formativas que fomentan a participación, a aprendizaxe e a convivencia entre veciños e veciñas.
A Tenencia de Alcaldía reafirma así o seu compromiso co movemento asociativo e co mantemento dos locais sociais como espazos vivos, útiles e adaptados ás necesidades da cidadanía.