Arroxo xustifica o peche das atraccións no Castiñeiro por falta de seguridade

LugoXa
O tenente alcalde explicou os pormenores da documentación achegada dende a organización da festa do Castiñeiro
festa-o-castineiro
Imaxe de arquivo dunha festa no Castiñeiro
8 Xuño 2024

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, explicou o sucedido nas festas de San Antonio, celebradas no barrio do Castiñeiro. A comisión organizadora decidiu suspender as festas durante a fin de semana despois de terse celebradas dúas verbenas o xoves e venres coas orquestras Panorama e Combo Dominicano respectivamente. "O concello de Lugo autorizou a instalación das barracas que tiñan a documentación en regra e impediuse a apertura daquelas barracas que non tiñan as mínimas garantías requiridas para as persoas usuarias" dixo Rubén Arroxo. O Concello de Lugo dotouse de regulamentos para a celebración de diferentes eventos e é o persoal técnico municipal quen garante o cumprimento dos mesmos.

Dende a Tenencia de Alcaldía faise fincapé en que para a celebración das festas dos barrios é preciso entregar a documentación un mes antes, malia a todo adoitase ser flexibles con isto, para facilitar a celebración das festas. "Os tempos teñen que ser razoables, xa que é moito traballo técnico de revisión o que hai que facer en base a actual lei de espectáculos" explicou Arroxo e engadiu "malia ser coñecedores dos prazos, 15 días antes enviouse un requirimento á comisión de festas advertindo que ou presentaban inmediatamente toda a documentación (condicións técnicas, seguros, inspeccións ao día...) das 25 barracas que ían instalar, ou ía ser materialmente imposible darlles autorización e tras ese requerimento presentan a documentación de 9 barracas, que se lle autorizan.

A última hora da maña do martes, día 4 de xuño, a presentouse toda a documentación dunha festa que comezaba a montarse o mércores, día 5 de xuño, sendo totalmente imposible para os técnicos municipais revisar nese tempo unha documentación tan extensa e complexa. Ante iso trasladóuselle, dende o Concello, a imposibilidade de instalar as atraccións coa correspondente actuación da Policía Local e mantendo un constante dialogo cos organizadores.

Arroxo explicou que "no goberno municipal somos sabedores que a instalación de atraccións é unha das vías de financiamento das festas de parroquias e barrios mais isto non debe ser a escusa para que se admita todo, en calquera momento, e en condicións descoñecidas". "Nós temos que ser serios e rigorosos nunha actividade como esta na que existen riscos, e nun tema de seguridade non podemos consentir que se instale ningunha barraca que non garanta ter todo en regra. Porque neste caso falamos de seguridade para as persoas usuarias destas atraccións" dixo Rubén Arroxo.

0.18950200080872