Arte e cultura danse cita esta semana na Secal 2022 en Lugo
Arranca en Lugo a Semana da Exaltación da Cultura e a Arte (SECAL). A iniciativa, organizada pola Asociación Lugo Monumental, ofrece aos lucenses o desfrute de varias actividades e citas de diverso tipo.
A mostra centrarase no apoio a artistas, aos que lles darán difusión nos locais do casco histórico. Un total de 20 propostas doutros tantos autores que se verán en lugares novidosos. Unha posibilidade importante para os creadores de chegar a un público que normalmente non ten ocasión de coñecelos.
A Secal agrupa a autores xa consagrados e coñecidos polos lucenses con novas promesas da cultura que, incluso, poderán expoñer os seus traballos por vez primeira. Na exposición hai obras a bolígrafo, con materiais reciclados, óleos, grabados...Un gran abano de opcións para os visitantes.
No tocante ás obras, hainas dende os 20 euros ata os 1.400 euros, en función das técnicas empregadas. Os prezos marcanos os artistas e, en ningún caso a organización. Dende a asociación deixan claro que, nin eles nin os locais colaboradores, percibirán ningún tipo de contrapartida ou comisión por estas ventas.
As obras destes artistas estarán dispoñibles nos locais do casco histórico entre hoxe e o vindeiro 26 de xuño.
OUTROS PUNTOS
Ademais destes establecementos a Secal dedicará un espazo expositivo a Paco Pestana, o artista falecido este ano. A mostra será na Farmacia da Cruz, onde se poderán ver obras cedidas pola súa familia.
Outro punto expositivo será na galería Nova Rúa, que fará unha exposición dedicada a José Luis Mayor Balboa; a galería Vieiros contará cunha dobre exposición de Alfredo Bongianni, Intramuros e de Félix Pedrouzo con Imaxes para Crusoe.
Un dos grandes momentos da Secal será o regreso a Lugo de Noemi Mazoy que, tras un largo periodo de ausencia pola situación sanitaria, volve á cidade cun repertorio moi local nun concerto que terá lugar no Salón Rexio do Círculo das Artes. O prezo de entrada será de 5 euros e irá destinado íntegramente a Aspnais.
No concerto, a artista estará acompañada polo acordeón de Valery Zviarzchevich e o chelo de Cristina Nogueira.
As entradas para o concerto poderán adquirirse no Círculo das Artes, no Café do Centro e na sede de Aspnais (antigo hospital de San José). Tamén crearán unha “fila cero” para aquelas persoas que non podan acudir pero desexen colaborar con Aspnais.
Outros ritmos soarán nunha sesión de Dj’s en Quiroga Ballesteros, que terá lugar no bar O Mercado o día 25 de xuño desde as 12 horas.