As Asociacións do Arde Lucus piden ao Concello claridade sobre o novo financiamento

As 19 asociacións que participan no Arde Lucus dirixíronse ao Concello de Lugo para superar a polémica xerada pola confusa e contradictoria información facilitada ás entidades. Nunha reunión mantida o venres, acordaron solicitar aclaracións sobre que gastos se poderán financiar e cales non, así como sobre a figura escollida para financiar a súa colaboración coa festa.
As asociacións explican que se senten confusas pola decisión do Concello de modificar o sistema de financiamento empregado ata agora e pola información contraditoria recibida. Nas reunións individuais mantidas coas entidades proporcionáronse versións diferentes sobre que gastos serían subvencionables e cales non, sen aclarar suficientemente o motivo do cambio nin se este conta con respaldo xurídico adecuado.
Recalcan que a principal diferenza entre unha subvención e unha contratación é que a primeira aplícase sempre que non exista contraprestación, xa que neste caso debería aplicarse a Lei de Contratos, como se facía ata agora. Tendo en conta que o Arde Lucus é unha festa organizada polo Concello de Lugo, as asociacións teñen dúbidas sobre se están a prestar un servizo á administración, polo que non está claro se a figura máis axeitada é a subvención ou o contrato.
En todo caso, queren destacar que non teñen inconveniente en xustificar os seus gastos, pero sinalan que se lles deu información contraditoria sobre o que sería xustificable ou non. Hai que ter en conta que existen gastos anuais, como o alugueiro de locais, ou inventariables, como vestimenta ou decorados, sobre os que a día de hoxe non hai certeza de se serían subvencionables, xa que a unhas asociacións se lles indicou unha cousa e a outras outra. Estes gastos son necesarios para desenvolver as actividades nos catro días do Arde Lucus, polo que semella razoable que se poidan incluír. "O que se pide é claridade", subliñan.
Na carta remitida ao concelleiro de Xuventude, as asociacións solicitan tamén que se lles facilite o borrador das bases para poder estudalas con tempo suficiente, convocándoo a unha reunión o venres 10 para aclarar as dúbidas que poidan xurdir. O tempo é un factor preocupante, xa que faltan tres meses para o Arde Lucus e coñecer os recursos dispoñibles será crítico para que moitas entidades poidan participar na festa.
O escrito está asinado polas seguintes asociacións: Ara Roma, Asemblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Clan de Breogán, Cohors III Lucensium, Cohors Lucensium Praetoria, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Mercenarios Galaicos, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Tir Na n'Og, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti.