As autocaravanas servirán para promocionar a cidade como destino turístico
O Concello de Lugo continúa a promocionar a cidade como destino turístico e cultural. A concelleira responsable, Cristina López, e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, anunciaron a primeira das accións enmarcadas dentro deste proxecto para a difusión dos atractivos turísticos de Lugo.
A acción escollida foi a colocación dun vinilo que representa un dos Patrimonios da Humanidade da cidade, a muralla romana, nunha autocaravana propiedade de dous veciños lugueses que, cada ano, recorren numerosos países con ela. Rubén Arroxo xustificou esta elección lembrando que cada vez máis persoas optan por facer viaxes neste tipo de medio, “e Lugo pode converterse nunha parada imprescindible para eses turistas debido ao seu atractivo cultural e ás súas diversas ofertas de ocio”.
A concelleira de Participación, Cristina López, insistiu en que “dende o Concello de Lugo apostamos pola revalorización e a posta en marcha dun turismo alternativo e non masificado que sexa respectuoso co medio e cos propios habitantes”. López defendeu que o turismo en caravana é familiar, seguro e práctico, “sobre todo se se conta cunha área de estacionamento que permita aos turistas estacionar de xeito gratuíto e nunha excelente ubicación para visitar os destinos, tal e como acontece no caso da cidade de Lugo”, explicou.