As Carballeiras alerta dunha fuga de auga potable no Parque Marcos Cela

LugoXa
A asociación veciñal pide ao Concello de Lugo que repare con urxencia a avaría e reclama unha revisión integral do estado do parque
fuga-de-auga-Parque-Marcos-Cela-Lugo
14 Sep 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras denuncia a existencia dunha fuga de auga da traída no Parque Marcos Cela que, segundo sinala a entidade, leva tempo vertendo auga de maneira continuada sen que se teña posto remedio á situación.

A asociación considera especialmente preocupante o desperdicio de auga potable nun momento no que a cidade se atopa en situación de prealerta pola seca e no que diferentes concellos están adoptando medidas de restrición ou cortes no subministro ante a falta de recursos hídricos.

Segundo as imaxes trasladadas por As Carballeiras, a auga sae entre as pedras dos muros e discorre polo chan do parque, acumulándose en diferentes puntos. Desde a entidade sinalan que se trata dunha fuga de auga potable que debería ser detectada e reparada.

As Carballeiras reclama que o mantemento e a revisión periódica das instalacións municipais sexan unha prioridade, especialmente nun contexto de escaseza de auga. A asociación cuestiona que se fagan chamamentos á responsabilidade no consumo mentres, segundo denuncia, unha fuga nun espazo público permanece sen solucionar.

A entidade veciñal tamén alerta doutras necesidades de mantemento no Parque Marcos Cela, entre elas o deterioro das varandas de madeira situadas nos laterais dos camiños, que levan tempo pendentes de reparación. Por este motivo, considera necesario realizar unha revisión integral do estado do parque e planificar as actuacións necesarias para a súa conservación.

"Non pedimos grandes obras, senón algo tan básico como que se detecten e reparen as avarías e se faga un mantemento regular dos espazos públicos", sinalan desde As Carballeiras.

A asociación solicita finalmente ao Concello de Lugo que actúe con urxencia para reparar a fuga e evitar o desperdicio de auga potable, así como que estableza unha planificación de mantemento periódico do Parque Marcos Cela.

0.1414909362793