As Carballeiras denuncia a presenza de árbores caídas xunto a unha residencia universitaria de Lugo

A Asociación As Carballeiras trasladou a súa preocupación pola presenza de dúas árbores caídas situadas nas rúas do Valiño e Afonso X O Sabio, en Lugo, ambas nas inmediacións da residencia universitaria Mi Campus e nun contorno de uso diario por parte da comunidade universitaria.
A entidade veciñal considera especialmente grave que esta situación se manteña, ao entender que supón un risco evidente para a seguridade das persoas que transitan a diario pola zona, especialmente estudantes e residentes do equipamento universitario.
Segundo sinala a asociación, as dúas árbores permanecen caídas xunto á residencia, o que está a xerar preocupación tanto entre a veciñanza como entre as persoas usuarias deste espazo. As Carballeiras subliña que, máis alá da afectación á imaxe urbana, a prioridade debe ser garantir a seguridade e evitar posibles incidentes.
A organización insiste en que o mantemento e a supervisión do arborado urbano deben integrarse nunha política de conservación continua, co obxectivo de preservar o bo estado dos espazos públicos e protexer a cidadanía.
Por todo iso, As Carballeiras solicita ao Concello de Lugo que actúe con celeridade para retirar as árbores afectadas e adopte as medidas necesarias que eviten situacións semellantes nunha zona especialmente sensible polo elevado tránsito peonil.