As Carballeiras denuncia o deterioro de parte do mobiliario urbano do barrio de Fingoi

LugoXa
A asociación veciñal pide revisar, limpar, reparar e tratar os bancos máis afectados para evitar que o seu estado empeore e prolongar a súa vida útil
deterioro-bancos-Fingoi-Lugo
24 Aug 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras denuncia o estado de deterioro que presenta parte do mobiliario urbano do barrio de Fingoi, especialmente varios dos bancos situados en espazos de uso habitual da veciñanza. A entidade reclama ao Concello de Lugo que revise estes elementos e impulse actuacións de mantemento para garantir que se atopen en condicións adecuadas de conservación e uso.

Segundo explica a asociación, algúns dos bancos presentan un importante desgaste da madeira, coa perda do tratamento superficial, presenza de humidade, sucidade e acumulación de liques. Nalgúns casos, o paso do tempo provocou tamén un deterioro visible das propias táboas.

Desde As Carballeiras consideran que o estado destes elementos proxecta unha imaxe pouco coidada do barrio e evidencia a necesidade de establecer actuacións periódicas de conservación. «Os bancos son elementos de uso habitual para a veciñanza e é importante que se atopen en boas condicións, tanto de conservación como de uso», sinalan.

A entidade veciñal lembra que nos últimos anos xa se realizaron actuacións de renovación e conservación de bancos en diferentes zonas da cidade, que incluíron traballos de reparación, lixado e aplicación de produtos protectores para a madeira. Por este motivo, consideran necesario dar continuidade a este tipo de intervencións para evitar que o deterioro dos elementos existentes avance.

«Con pequenas actuacións de mantemento pódese prolongar a vida útil dos bancos e evitar que sexa necesario substituílos cando o seu estado xa sexa irrecuperable», apuntan desde a asociación.

As Carballeiras reclama ao Concello de Lugo que revise o estado dos bancos e do resto do mobiliario urbano do barrio e que proceda á limpeza, reparación e tratamento daqueles elementos que presenten un maior nivel de deterioro.

A asociación considera tamén necesario establecer un sistema de mantemento periódico do mobiliario urbano, especialmente dos elementos de madeira que permanecen expostos durante todo o ano ás condicións meteorolóxicas.

Por todo isto, a Asociación Veciñal As Carballeiras solicita ao Concello de Lugo que actúe sobre os bancos que presentan un peor estado e que estableza unha planificación regular para a conservación do mobiliario urbano, co obxectivo de garantir que os espazos públicos do barrio se manteñan en condicións adecuadas para o seu uso.

0.11113810539246