As Carballeiras denuncia unha fuga de auga na avenida de Magoi e reclama un servizo municipal de augas

LugoXa
A asociación veciñal asegura que a avaría provocou o derrame de miles de litros durante horas e critica a resposta do Concello
fuga-de-auga-Magoi-Lugo
22 Jul 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras denunciou que durante boa parte da noite de onte e a mañá deste martes se rexistrou unha fuga de auga de considerables dimensións na avenida de Magoi, unha incidencia que, segundo asegura a entidade, provocou o derrame de miles de litros de auga sen que se actuase de inmediato para poñerlle fin.

A asociación explica que numerosos veciños e veciñas da zona trasladaron a situación á entidade e lamenta que, ao seu xuízo, non se adoptasen medidas desde o Concello de Lugo para resolver a avaría con maior rapidez.

Ante este episodio, As Carballeiras reclama ao Goberno local a creación dun servizo público municipal de augas que poida atender este tipo de incidencias en calquera momento e que coñeza en profundidade a rede de abastecemento. Segundo sostén a asociación, os operarios desprazados ata o lugar durante a mañá tiveron dificultades para deter a fuga debido ao descoñecemento da instalación.

A entidade veciñal considera especialmente preocupante o desperdicio de miles de litros de auga, especialmente na actual época do ano, marcada pola seca e polas elevadas temperaturas. Por iso, cualifica este derroche como "inaceptable" e insiste na necesidade de mellorar a capacidade de resposta ante este tipo de incidencias.

0.14540219306946