As Carballeiras denuncia unha fuga de auga que leva máis dunha semana sen reparar na Estrada da Granxa

A Asociación Veciñal As Carballeiras denunciou a existencia dunha fuga de auga na senda peonil situada fronte aos números 22 e 24 da Estrada da Granxa, nunha das carballeiras da zona, unha incidencia que, segundo asegura, leva máis dunha semana sen ser reparada.
Desde o colectivo explican que a propia veciñanza puxo esta situación en coñecemento do Concello de Lugo, pero lamentan que, polo momento, non se adoptasen medidas para solucionar o problema e evitar a perda continuada de auga.
A entidade considera especialmente preocupante que a fuga continúe activa nun contexto marcado pola escaseza de precipitacións e pola necesidade de facer un uso responsable dos recursos hídricos. Neste sentido, lembra que varios municipios da contorna están aplicando ou valorando restricións de consumo ante a situación de seca, seguindo as recomendacións da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica.
"As Carballeiras" insiste en que a auga potable é un recurso público que debe ser preservado e reclama unha intervención rápida para evitar o desperdicio dun ben considerado esencial.
A asociación solicita ao Goberno local que revise a incidencia e proceda á súa reparación canto antes, co obxectivo de evitar que a perda de auga continúe prolongándose durante máis tempo.