As Carballeiras pide ao Concello medidas para regular a presenza de autocaravanas xunto ao Pavillón dos Deportes

A Asociación Veciñal As Carballeiras solicitou ao Concello de Lugo a posta en marcha de medidas que permitan ordenar a presenza de autocaravanas no aparcadoiro situado detrás do Pavillón Municipal dos Deportes. A entidade considera que o aumento destes vehículos está a provocar unha ocupación intensiva da explanada e alerta de que a situación pode derivar en problemas de uso, mobilidade e conservación deste espazo.
Desde a asociación sinalan que a principal área destinada ás autocaravanas na cidade presenta unha elevada concentración de vehículos, unha circunstancia que, segundo indican, está a afectar tamén ás prazas anexas e ao tráfico na contorna do recinto deportivo.
As Carballeiras amosa a súa preocupación polo estado actual deste espazo e considera necesario que o Concello adopte medidas que permitan compatibilizar o estacionamento das autocaravanas co uso xeral do aparcadoiro e dos espazos públicos próximos.
A entidade veciñal insiste en que a súa petición non pretende cuestionar a presenza deste tipo de turismo na cidade, senón garantir unha xestión adecuada que evite situacións de saturación e contribúa a mellorar a convivencia entre os visitantes e a veciñanza.
Neste sentido, reclama unha intervención municipal que permita ordenar o tráfico e o uso da área, reducindo os impactos derivados da elevada ocupación e asegurando o mantemento dun espazo que é utilizado tanto por usuarios das instalacións deportivas como por residentes da zona.