As Carballeiras reclama a retirada urxente de dúas árbores caídas nas rúas do Valiño e Afonso X O Sabio en Lugo

LugoXa
A asociación veciñal alerta do risco para a seguridade nunha zona moi transitada pola comunidade universitaria e critica a falta de actuación municipal desde o 17 de xuño
caida-de-árbores-zona-universitaria-Lugo
26 Jun 2026

A asociación As Carballeiras insistiu na súa preocupación pola situación de dúas árbores caídas situadas nas rúas do Valiño e Afonso X O Sabio, en Lugo, ambas as dúas nas inmediacións da residencia universitaria Mi Campus e nunha contorna de elevado tránsito peonil.

Segundo sinala a entidade veciñal, dende o pasado 17 de xuño a veciñanza vén soportando a presenza destas árbores sen que se producise ningunha actuación para a súa retirada, a pesar de que, ao seu xuízo, supoñen un risco evidente para a seguridade das persoas que circulan pola zona.

As Carballeiras considera especialmente preocupante esta situación pola proximidade a unha instalación universitaria e polo uso continuado do espazo por parte de estudantes e residentes, o que incrementa a sensibilidade do problema.

A asociación denuncia ademais o que cualifica como unha situación de abandono por parte do Concello de Lugo, ao manter sen resolver unha incidencia que afecta a un ámbito de alto tránsito peonil e con presenza constante de comunidade universitaria.

Neste sentido, a entidade lamenta o que considera unha falta de mantemento e coidado do entorno urbano, unha situación que, máis alá da súa repercusión estética, pon de manifesto a necesidade dunha maior supervisión e conservación dos espazos públicos.

As Carballeiras insiste en que o mantemento do arborado urbano debe formar parte dunha política continua de prevención e control, co obxectivo de garantir a seguridade cidadá e o bo estado das vías públicas.

Por todo isto, a asociación solicita ao Concello de Lugo que proceda con urxencia á retirada das árbores afectadas e adopte medidas que eviten que situacións semellantes se repitan nesta zona especialmente sensible.

0.13724803924561