As Carballeiras reclama unha actuación urxente ante as filtracións na praza de Ángel Johan

LugoXa
A asociación veciñal advirte de que a presenza continuada de auga obrigou a acordonar unha parte do espazo e interromper a circulación
praza-de-Ángel-Johan-Lugo
2 Jul 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras expresou a súa preocupación pola situación existente na praza de Ángel Johan, onde unha importante filtración de auga obrigou a delimitar e pechar parte da zona afectada, así como a interromper a circulación nese espazo.

Segundo sinala a entidade, a presenza continuada de auga sobre o pavimento provocou a intervención da Policía Local, que procedeu a balizar a área afectada co obxectivo de garantir a seguridade mentres se determina a orixe da incidencia.

Desde a asociación consideran que esta situación evidencia a necesidade de actuar con rapidez para localizar a avaría e executar os traballos necesarios para a súa reparación, evitando que o problema continúe agravándose ou poida causar danos maiores na infraestrutura.

As Carballeiras lembra ademais que as filtracións nesta contorna non constitúen un feito illado, senón unha problemática que se vén repetindo ao longo do tempo na praza, motivo polo que reclama unha solución definitiva que permita evitar novas incidencias no futuro.

A entidade solicita ao Concello de Lugo unha intervención á maior brevidade posible para resolver a situación, recuperar a normalidade na circulación con todas as garantías de seguridade e informar á veciñanza sobre o alcance da incidencia e os prazos previstos para a súa solución.

Desde a asociación subliñan tamén que o mantemento adecuado das infraestruturas públicas resulta fundamental para garantir a seguridade e a conservación dos espazos de uso cidadán.

0.10893702507019