As concentracións "en defensa da Sanidade pública" fixeron parada en Outeiro de Rei
O Bloque Nacionalista Galego organizou en Outeiro de Rei unha concentración dentro da campaña pola defensa da Sanidade pública diante do PAC da localidade luguesa.
Membros do bloque de Outeiro de Rei xunto a deputada no Parlamento Galego Olalla Rodil e veciñas e veciños da bisbarra reclamaron baixo o lema “Defendamos a sanidade pública galega, non aos recortes na atención primaria” unha maior dotación de recursos humanos, materiais e económicos para a atención primaria.
A deputada Olalla Rodil sinalou que ““a atención primaria é o sustento do sistema sanitario do noso país, a saúde é un dereito e un servizo público esencial que hai que dotar con máis recursos, a Xunta non pode seguir desmantelando e recortando”
Desde o BNG seguen incidindo que a prioridade é frear o virus pero tamén hai que garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega, na que a deputada Olalla Rodil resaltou “non temos por que esperar durante semanas para poder ver o noso médico de cabeceira ou que practicamente estean derivando todas as consultas única e exclusivamente á atención telefónica”
No mesmo sentido, o bloque reclama a implementación de protocolos claros para finalizar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando na atención nos últimos meses.