As empresas do sector marítimo disporán de 8 millóns de euros de apoios en 2021

TerraChaXa | LugoXa
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da empresa Frigoríficos Fercon, onde destacou o importante esforzo realizado polo conxunto do complexo mar-industria durante a crise do coronavirus para poder cumprir co seu papel de sector esencial e abastecer á cidadanía.
30 Xuño 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións da empresa Frigoríficos Fercon, onde destacou o importante esforzo realizado polo conxunto do complexo mar-industria durante a crise do coronavirus para poder cumprir co seu papel de sector esencial e abastecer á cidadanía. Neste sentido, salientou a transcendencia do sector transformador e lembrou que o plan Avantemar deseñado pola Xunta para impulsar o sector marítimo-pesqueiro trala pandemia, dotado con 77 millóns de orzamento para este ano e 14 millóns para 2021, conta cunha liña de apoios de oito millóns de euros para o sector transformador co obxectivo de compensar parcialmente as caídas de ingresos rexistradas durante este ano e outros 17 millóns postos a disposición das empresas en 2020 para melloras nas súas estruturas produtivas.

A titular de Mar lembrou que o sector tivo que adoptar medidas preventivas e de distanciamento social así como facer cambios nos horarios e liñas de produción para adaptarse á situación e, ao mesmo tempo, viu como caían as vendas como consecuencia do peche da canle Horeca e a paralización da exportación, un descenso que non se compensou co aumento da demanda doméstica. Por iso, o Executivo galego estima que as perdas no conxunto da cadea mar-industria de Galicia acadarán os 500 millóns ao longo deste ano, polo que ve necesario impulsalo o antes posible e que ninguén quede no camiño.

O plan de apoio ao sector deseñado por Galicia inclúe unha liña de oito millóns de euros con fondos propios da comunidade para o sector transformador que pretende compensar parcialmente as caídas de ingresos rexistradas polas empresas e que estará á súa disposición en 2021, cando coñezan con exactitude o impacto da crise nas contas do presente exercicio. De acordo co sector, derívanse no tempo para atender tanto os danos causados pola pandemia como os provocados pola saturación dos mercados unha vez levantado o estado de alarma.

A estes oito millóns para 2021 súmanse os 17 millóns postos a disposición das empresas transformadoras este ano para mellorar a eficiencia enerxética, a seguridade e as condicións de traballo das empresas así como dar lugar a novos ou mellores produtos, procesos ou sistemas de xestión e organización. Con estes fondos, financiados ao 75% polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), o plan Avantemar artella axudas para adecuar as estruturas produtivas das empresas ás necesidades derivadas da covid-19 e a reorientar a produción ás novas demandas comerciais xeradas como consecuencia da pandemia.

Medidas indirectas

A conselleira do Mar lembrou que, ademais de apoios directos, o plan de reactivación do complexo mar-industria galego inclúe medidas indirectas no eido fiscal e de adecuación tecnolóxica e control de custos que a Xunta demandará e negociará co Goberno central por tratarse de asuntos da súa competencia. Entre elas atópanse o axuste da lei de morosidade, para velar polo cumprimento dos prazos de pago e aliviar as tensións de tesourería das empresas, e a variación á alza da reserva de capitalización das empresas, para fortalecer as súas estruturas financeiras con fondos propios.

O Executivo galego tamén prevé abordar co Estado a redución de custos intensivos como a enerxía eléctrica, con accións como a exención de impostos aos investimentos para autoabastecemento ou a autorización de cambios nos termos potencia áxiles e frecuentes en períodos de inactividade ou menor produción. A iso súmase a petición de adecuación do sustento dos centros tecnolóxicos mediante unha liña específica de apoio aos mesmos ou bonos tecnolóxicos para as empresas por contratar asesoramento destes centros, entre outras medidas.

A titular de Mar incidiu en que estas accións de apoio ao sector transformador se enmarcan no plan Avantemar para impulsar o sector e que pretende atender especialmente as necesidades dos profesionais e empresas que non se benefician das medidas adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao abeiro da reforma do FEMP.

Con ese obxectivo, o conxunto de medidas deseñado por Galicia inclúe 7,3 millóns de euros para os barcos que mantiveron a súa actividade durante a pandemia a pesar de que non era rendible, máis de cinco millóns para as mariscadoras que non poden acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade habilitada polo Goberno central, 600.000 euros para as confrarías e entidades xestoras de lonxas que viron caer os seus ingresos ou 400.000 euros para as redeiras cos que paliar a caída de ingresos polo descenso da actividade.

Rosa Quintana asegurou que con este plan Galicia aspira a que o complexo mar-industria recupere o antes posible o vigor que tiña antes da chegada da pandemia e animou a todo o sector a traballar unido, no mesmo barco, para que ninguén quede atrás no camiño da recuperación.

0.19540309906006