As escavacións de Penas do Caldeiro buscarán novos gravados e pegadas de actividade humana

GaliciaXa | LugoXa
A campaña arqueolóxica, dirixida pola profesora da USC Pilar Prieto, desenvolverase ata outubro na parroquia de Santa María Madalena de Adai, no Corgo
Penas-do-caldeiro
30 Aug 2026

Unha nova campaña de escavacións arqueolóxicas comezará este luns, 31 de agosto, na zona de Penas do Caldeiro, na parroquia de Santa María Madalena de Adai, no Corgo, co obxectivo de avanzar no coñecemento desta paisaxe de especial relevancia arqueolóxica e localizar novos gravados e posibles evidencias de actividade humana asociadas a eles.

Os traballos estarán dirixidos por Pilar Prieto, profesora de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC). A campaña conta coa autorización da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Veciños de Adai e prolongarase ata outubro.

Esta será a cuarta campaña de investigación desenvolvida na zona. Entre 2023 e 2025, os traballos centráronse no Corro dos Mouros, un xacemento considerado único e de especial importancia para comprender as prácticas funerarias e rituais desenvolvidas en Galicia desde o Bronce Final ata etapas avanzadas da Idade do Ferro.

A investigación sobre o Corro dos Mouros continúa actualmente nos laboratorios, onde se analiza a abundante información obtida durante as campañas anteriores. En total, recuperáronse algo máis de 5.000 pezas e arredor de 330 mostras, que permitiron realizar 14 datacións.

Nesta nova fase, a Universidade de Santiago ampliará os traballos a outros xacementos situados na mesma área de Penas do Caldeiro, dos que xa dera conta o veciño Xosé Darriba. A investigación conta co financiamento do proxecto "RODAS - Yacimientos funerario-rituales singulares del Final de la Edad del Bronce a la Edad de Hierro en el Noroeste Ibérico", incluído no Plan Nacional de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2024 da Axencia Estatal de Investigación, dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades do Goberno de España, así como do proxecto de Consolidación e Estruturación 2025 GRC GI-1553 EcoPast da Xunta de Galicia.

A hipótese coa que traballa o equipo arqueolóxico é que Penas do Caldeiro constitúe unha paisaxe sagrada que foi utilizada durante miles de anos. "Traballamos coa hipótese de que Penas do Caldeiro é unha paisaxe sagrada desde o Neolítico Medio, o IV milenio antes de Cristo, coa construción de polo menos sete mámoas ata a Segunda Idade do Ferro, sobre o III século antes de Cristo", explica Pilar Prieto.

Segundo a investigadora, neste espazo teríase construído durante o Bronce Final a roda do Corro dos Mouros e, probablemente, tamén se realizarían os gravados presentes nas rochas próximas. Posteriormente, a zona continuaría sendo frecuentada durante a época romana e experimentaría diferentes transformacións no seu uso e significado ata chegar á actualidade.

Os traballos previstos para este ano inclúen a limpeza e o rexistro completo de tres petróglifos, ademais da escavación das súas contornas inmediatas. Entre os elementos seleccionados atópase o coñecido como "altar de Adai", un enclave moi apreciado e visitado.

Este petróglifo presenta o fondo dunha cabana gravado sobre a rocha, cunha superficie aproximada de 40 metros cadrados. Na pedra aínda se poden identificar as divisións internas da estrutura, que xa fora obxecto dunha publicación na revista Gallaecia en 2015, na que se formulaba tamén unha posible reconstrución en tres dimensións.

"Trataremos de caracterizar estes xacementos, ver se hai novos gravados e actividade humana asociada a eles", sinala Prieto. Para avanzar na súa datación e coñecer mellor a súa cronoloxía, durante as escavacións tamén se realizarán diferentes mostraxes.

A campaña incluirá ademais unha prospección xeofísica da zona, coa finalidade de detectar posibles restos de estruturas arqueolóxicas conservadas no subsolo. Os resultados permitirán seleccionar unha área adecuada para realizar novas escavacións o vindeiro ano e continuar ampliando o estudo desta paisaxe prerromana do Corgo.

0.15785217285156