As escolas de Cántigas e Frores levarán a música e o baile tradicional polas rúas de Lugo o 1 de xuño

A Asociación Cultural Cántigas e Frores xa ten data para unha das súas citas máis emblemáticas: Cántigas na Rúa 2025.
Será o vindeiro domingo 1 de xuño cando as escolas da entidade volvan encher co seu folclore as rúas do casco histórico de Lugo, nunha xornada festiva que cada ano reúne a veciñanza e visitantes arredor da música e o baile tradicional galego.
O percorrido comezará ás 11:00 horas na Praza de Santo Domingo, fronte ao Mercado Municipal, e continuará polas principais rúas e prazas do centro: a Praza da Soidade, a Rúa Nova, a Praza do Campo, a Rúa da Cruz e, como broche final, a Praza Maior.
Desde Cántigas e Frores animan á cidadanía a reservar esta data nas súas axendas, xa que o mes de xuño virá cargado de actividades culturais promovidas pola entidade.
A presenza das escolas da asociación nas rúas busca non só poñer en valor o patrimonio inmaterial galego, senón tamén compartir coa cidade o traballo e a paixón dos seus alumnos e alumnas ao longo de todo o curso.
“Vémonos polas rúas”, proclaman desde a organización, convidando a todos e todas a gozar dun día cheo de música, tradición e identidade.