As fabas de Lourenzá forman parte das Exaltacións Gastronómicas deste mes na provincia
O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, presentaron na Fortaleza do Pazo de Tovar de Lourenzá as xornadas Exaltacións Gastronómicas...E Para Comer Lugo do mes de outubro. Estas degustacións terán lugar, dende o vindeiro venres e ata o día 27 deste mes, en 50 establecementos de hostalería de 23 concellos da provincia. Estes restaurantes empregarán nos seus menús as Fabas de Lourenzá, Ternera Gallega, Queixo San Simón da Costa e Mel de Galicia cociñados con diferentes estilos.
García Pernas destacou que a Deputación de Lugo, da man de APEHL, leva 8 meses impulsando este proxecto culinario co fin de continuar fomentando o turismo gastronómico e dinamizando o sector servizos na provincia. Con esta iniciativa tamén visibilizamos a excelente calidade dos produtos gastronómicos de Lugo a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade, como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou a Denominación de Orixe (DOP)”.
Coas Exaltacións Gastronómicas, a Deputación continúa apostando pola promoción dos produtos autóctonos de calidade en apoio aos produtores do rural e como clave para o impulso da economía da provincia. Outro dos obxectivos destas xornadas é desestacionalizar o consumo destes produtos co fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción.
Xunto ao Deputado de Participación Cidadá, no acto de presentación tamén participaron entre outros, o presidente do Consello Regulador da IXP Faba de Lourenzá, José Cuadrado, o director de promoción da IXP Ternera Galega, Luis Antonio Vázquez Pérez o Presidente da CRDO RIBEIRA SACRA, José Manuel Rodríguez González e o Presidente da IXP das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, Jose Antonio Feijoó Mateo.
CALENDARIO. Os 50 locais de hostalería participantes incluirán nas súas cartas pratos cos produtos gastronómicos seleccionados en cada mes. Na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes, as datas e os produtos que se exaltan cada mes.
Estas xornadas gastronómicas nas que se promocionan diferentes produtos da provincia realizáronse todos os meses desde o pasado abril. Cada unha ten unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro.