As falsas ameazas de bomba continúan provocando desaloxamentos en centros educativos galegos

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
Durante o mércores se produciron alertas similares en 80 centros das provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra
alumnos-estudantes-instituto-educacion
19 Nov 2026

Os corpos policiais realizaron este xoves novas intervencións en varios centros educativos das provincias de Pontevedra e Ourense tras recibir correos electrónicos con falsos avisos de bomba nos seus enderezos oficiais.

Un dos casos rexistrouse no IES Laura Olmo do Barco de Valdeorras, onde arredor de 500 alumnos tiveron que abandonar as instalacións como medida preventiva. Os axentes inspeccionaron o edificio e comprobaron que non había ningún artefacto nin obxecto sospeitoso. Unha vez rematada a revisión, o operativo de seguridade concluíu e o alumnado puido regresar ás aulas.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra confirmou tamén desaloxamentos no IES Ramón Cabanillas de Cambados e no IES Pedro da Auga de Ponteareas. Ademais, o IES Fernando Asorey, tamén en Cambados, recibiu unha mensaxe similar, aínda que neste caso non foi necesario evacuar o centro pola coincidencia do correo coas comunicacións recibidas nos demais institutos.

Estas novas incidencias chegan despois da vaga de ameazas rexistrada o mércores, cando polo menos 80 centros educativos galegos recibiron mensaxes electrónicas con avisos de bomba. A provincia da Coruña foi a máis afectada, con 31 centros desaloxados, aínda que tamén se produciron actuacións en Santiago, Lugo e Pontevedra.

En todos os casos, os equipos directivos puxeron os feitos en coñecemento das forzas policiais tras detectar as mensaxes. Isto activou os protocolos de evacuación preventiva e a intervención de especialistas dos equipos Tédax, encargados de revisar as instalacións para descartar a presenza de posibles artefactos.

Pola súa banda, a Consellería de Educación explicou que algúns centros non abriran o correo electrónico durante a xornada do mércores, polo que están a coñecer agora avisos que foran recibidos con anterioridade.

A Subdelegación do Goberno en Pontevedra incidiu en que as mensaxes recibidas nos distintos centros son idénticas e asegurou que teñen «cero credibilidade».

0.15056586265564