As familias do Valadouro terán axudas no pago do recibo da luz

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
25 May 2020

No Pleno telemático celebrado no día de onte polo Concello de O Valadouro, o BNG conseguíu que saira adiante a súa proposta de que as familias do Valadouro sexan beneficiarias tamén de axudas para o pago do recibo da luz, como veñen facendo desde hai anos outros concellos nacionalistas, coma o veciño concello de Muras.

Desde o BNG  levan traballando nesta iniciativa xa nos últimos dous anos, con charlas informativas coa veciñanza sobre este tema concreto, sendo moi ben acollida a iniciativa,  e informando tamén sobre a necesidade dunha tarifa eléctrica galega.

A iniciativa  defendida polo portavoz Eduardo Chao, resultou aprobada por maioría, no debate do suplemento de crédito que presentaba a alcaldía, conseguindo que se dotase con 100.000€ para o presente exercicio a partida 231-48 – Axudas destinadas a familias.

Enerxía producida polos 120 xeradores

Os nacionalistas formularon  esta proposta tendo en conta por unha banda o excesivo prezo do recibo da luz que na última década subíu case o 80% para os consumidores finais, sobre todo desde a implantación no Estado do criterio dun sistema eléctrico único e de tarifa única, prexudicial para Galicia ao tratar por igual aos consumidores dos distintos territorios sen ter en conta a súa achega como produtores de enerxía, como é o caso de O Valadouro, que tén implantados no seu territorio 120 xeradores eólicos, e polos que percibe uns  determinados ingresos, que según Eduardo Chao e Eliseo Teijeiro deberan ser mais elevados, a través do Fondo de Compensación Ambiental, sendo o cuarto concello de Galiza en número de aeroxeradores implantados.

Por outra banda, afirmaron tamén os concelleiros do BNG que “nun concello coma o noso, con baixas rentas, poboación envellecida e pensións baixas, entendemos que é obriga do concello mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, evitando que exista pobreza enerxética nos seus fogares. A riqueza que xera o noso concello co vento, debe repercutir de maneira directa nas persoas que viven neste territorio, ademais de compensar o impacto ambiental,: paisaxístico e acústico”.

Agora só queda elaborar as correspondentes bases para regular estas axudas e proceder a realizar a convocatoria desde o concello.

Camiño da Pena

O pleno tamén aprobou outra proposta do BNG que consistía em destinar 36.000 euros ao arranxo e adecuación do Camiño da Pena, unha demanda veciñal constante e que ata o de agora non fora atendida. Detraeríanse estes cartos doutras partidas indeterminadas de infraestruturas que normalmente viñan sendo utilizadas arbitrariamente pola alcaldía.

Esta proposta contou tamén co apoio dos outros grupos da oposición.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1720449924469