As IV Xornadas de Tecnificación do CB Breogán celebraranse en abril

A Fundación Breogán e o Club Baloncesto Breogán SAD presentan a IV Edición das Xornadas de Tecnificación, un evento deportivo pensado para nenos e nenas de entre 8 e 16 anos que desexen mellorar as súas habilidades no baloncesto.
As xornadas desenvolveranse do 14 ao 16 de abril no anexo do Pazo dos Deportes de Lugo, en horario de 9.00 a 16.00 horas.
Os participantes terán a oportunidade de adestrar con xogadores e técnicos do CB Breogán, ademais de recibir formación especializada da man de profesionais como Maísa López, do Ensino Lugo, e Paula Fernández-Ahuja, do Estudiantes Lugo.
Tamén asistirán a charlas formativas impartidas por expertas como Astrid Reque Veiga, educadora social, que falará sobre os valores no deporte, e Esther Castedo, do Ensino Lugo, quen abordará o tema dos soños, esforzo e baloncesto.
As prazas están limitadas a 25 nenos nados entre 2013 e 2017, e 25 máis para aqueles nados entre 2009 e 2012 e os participantes recibirán agasallos exclusivos, como unha camiseta personalizada, xantar e un identificador de equipaxe.
O prezo de inscrición é de 170 euros, con descontos dispoñibles para irmáns (15 euros por cada un) e para socios benefactores (20 euros de desconto e prioridade na inscrición).
As IV Xornadas de Tecnificación prometen ser unha experiencia enriquecedora para os futuros talentos do baloncesto galego.