‘As liñas descontinuas’ preséntase este venres nos Cines Códax de Lugo coa presenza do equipo

A película ‘As liñas descontinuas’, escrita e dirixida por Anxos Fazáns, presentarase este venres 27 de febreiro ás 20.00 horas nos Cines Códax. A cita contará coa presenza da cineasta e de parte do equipo técnico e artístico, así como do guionista Pepe Coira, que ofrecerán detalles sobre o proceso creativo e os contidos do filme.
Trátase da segunda longametraxe de Fazáns, un drama intimista rodado integramente en galego e protagonizado por Mara Sánchez, que regresa á interpretación tras varios anos afastada da escena, e por Adam Prieto, para quen o personaxe de Denís supón o seu debut na actuación. A historia segue a Bea, unha muller de 50 anos que atravesa un proceso de divorcio, e a Denís, un mozo trans de 28 anos que afronta a precariedade laboral. Un acontecemento inesperado provoca o seu encontro e altera de maneira definitiva a vida de ambos.
‘As liñas descontinuas’ é unha produción de Sétima, impulsada por Silvia Fuentes e Anxos Fazáns, e de Sideral, coa participación de Nuria Landete e Roberto Butragueño.
En palabras da propia directora, a película aborda a tenrura e a beleza que xorde cando as persoas permiten que outras formen parte da súa experiencia vital. A realizadora explica que imaxinou esta historia a partir dunha noticia real lida nun xornal, que serviu como punto de partida para construír uns personaxes e un universo propios. Define o filme como unha canción de amor, un conto e un breve encontro.
Fazáns sinala que no seu cinema procura situar ás persoas no centro do relato, explorando a construción de relacións saudables, a ruptura de estereotipos e formas de vida alternativas e sostibles. Con esta obra abre espazo a cuestións pouco representadas na pantalla, como o desexo, a soidade, a autoestima e a transformación persoal tanto dunha muller de mediana idade como dun mozo trans. A directora matiza que, aínda que a historia non é real nin autobiográfica, está inspirada polas vivencias e emocións das persoas que a rodean.