As Nogais celebra a XVIII Feira da Empanada e outros produtos dos Ancares

LugoXa
Organizada pola Asociación de Empresarios das Nogais (AEGAN) e o Concello, a feira volve reivindicar a riqueza da gastronomía e cultura dos Ancares
Festa-da-Empanada-das-Nogais
12 May 2025

O Concello das Nogais prepárase para acoller unha nova edición da súa xa consolidada Feira da Empanada e outros produtos dos Ancares, que este ano celebra a súa XVIII edición cun amplo programa de actividades durante os días sábado 24 e domingo 25 de maio.

A festa dará comezo o sábado pola noite, cunha chourizada popular na Praza do Concello ás 21:00 horas, seguida da sesión musical do DJ Rodri Proluna ás 22:30 horas, encargada de ambientar a véspera festiva.

O domingo, día grande da feira, abrirán os postos ás 10:00 horas, dando inicio á xornada gastronómica. Ás 13:00 horas terá lugar unha misa solemne cantada pola Coral Cristo dos Anxos, seguida dunha procesión coa gaita e pandeireta da Asociación Cultural Airiños das Nogais.

Despois do saúdo institucional das autoridades ás 13:30 horas, o ambiente animarase coa actuación da Asociación Cultural Airiños de As Nogais na Praza do Concello a partir das 13:45 horas.

A tarde continuará con máis música e tradición: ás 16:30 horas actuará o grupo de música tradicional e copla Os Arandos do Neira de Baralla, e ás 17:30 horas repetirán escenario os Airiños das Nogais, cun novo pase musical.

Para pechar o día, ás 19:00 horas celebrarase un sorteo con boletos dispoñibles nos postos da feira, e ás 19:30 horas terá lugar a clausura oficial da XVIII Feira da Empanada de As Nogais.

Organizada pola Asociación de Empresarios das Nogais (AEGAN) e o Concello das Nogais, coa colaboración de numerosas entidades culturais e comerciais, a feira volve reivindicar a riqueza da gastronomía e cultura dos Ancares, cun protagonismo especial para a empanada, produto estrela da celebración.

⚙ Configurar cookies
0.17500996589661