As Nogais celebrará a XIX Feira da Empanada e dos produtos dos Ancares o 31 de maio

O Concello das Nogais acollerá o domingo 31 de maio a XIX Feira da Empanada e doutros produtos dos Ancares, unha cita xa consolidada no calendario festivo e gastronómico da comarca que reunirá veciñanza e visitantes arredor da tradición culinaria local.
A programación arrancará o sábado 30 de maio cunha touciñada popular na Praza do Concello ás 21.30 horas, seguida dunha verbena amenizada por DJ Casanova a partir das 23.00 horas.
Xa o domingo, a feira abrirá oficialmente ás 10.00 horas coa apertura dos postos participantes. Ás 12.00 horas terá lugar a actuación da Charanga DGT polo recinto feiral, mentres que ás 13.00 horas celebrarase a misa solemne cantada pola Coral “Cristo dos Ancares” e a procesión co Grupo de Gaitas da Asociación Cultural Abrente das Nogais.
A continuación, ás 13.30 horas, desenvolverase o saúdo de benvida por parte da organización e a degustación da empanada das Nogais, coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).
A música e o baile tradicional volverán ser protagonistas ás 17.00 horas coa actuación da Asociación Cultural Abrente das Nogais.
Desde a organización destacan que a feira busca poñer en valor a empanada e os produtos típicos dos Ancares, promovendo ao mesmo tempo a cultura, a tradición e a convivencia veciñal.
As persoas interesadas en obter información ou reservar postos poden facelo a través do teléfono do Concello: 982 364 092.