As obras de humanización da rúa Rosalía de Castro de Burela darán comezo a mediados de mes
As obras de humanización da rúa Rosalía de Castro darán comezo a mediados de xaneiro e o prazo de execución será de dous meses, segundo anunciou este mediodía o alcalde, Alfredo Llano. O tráfico rodado estará cortado nese vieiro durante ese período agás entre as sete da tarde e as nove da mañá, franxa na que se permitirá que os residentes poidan entrar e saír dos seus garaxes. Ademais crearase unha zona de carga e descarga en Curros Enríquez e vanse distribuír Bandos do Concello polos inmobles afectados para informar de todo isto.
O rexedor dixo que “este ano 2020 queremos que empece con bo pe e en Burela había unhas obras pendentes que consideramos que van fortalecer a singularidade, a funcionalidade e a fluidez e creo que van ser rechamantes. Refírome á céntrica rúa Rosalía de Castro e a zona da rúa do Hórreo, que ten unha vistosidade extraordinaria que se pode apreciar desde o porto de Burela”.
Llano manifestou que “como queremos comezar o antes posible, pensamos que en Rosalía de Castro vai empezar a obra o día 15 deste mes. Esperamos que non haxa problemas técnicos e que teñamos bo tempo para que favoreza este inicio. Basicamente o que se vai facer en Rosalía de Castro será na zona que vai desde o cruce con Eijo Garay ata a rúa Lamestra, onde está o establecemento de Froiz, un arranxo integral das beirarrúas e da rúa propiamente dita. Chamámoslle humanización porque realmente vai cambiar radicalmente a cuestión funcional, de estrutura e estética. Queremos facela moito máis atractiva e desde logo aproveitamos para amañar o separativo de pluviais e residuais e o resto das canalizacións. Imos deixar todo ao mesmo nivel, as beirarrúas e a rúa, aínda que irá destacada a parte peonil e a de circulación de vehículos e os aparcamentos. Esperamos que todo vaia ben e se faga no tempo previsto, calcúlase que serán dous meses de obras porque é unha actuación importante”.
O alcalde explicou que “hoxe tivemos unha reunión para falar cos responsables da obra, cos policías municipais e cos técnicos directores para ver como podíamos facer para non molestar excesivamente aos veciños e que sexa funcional. En principio acordamos, aínda que se verá definitivamente mañá porque imos volver falalo, que durante as obras a rúa Rosalía de Castro estará pechada ao tráfico aínda que se vai permitir o acceso aos garaxes antes das nove da mañá e despois das sete da tarde para que os que teñen vado poidan sacar e gardar os vehículos. E para facilitar a carga e descarga nas proximidades vaise habilitar unha zona para elo na rúa Curros Enríquez o antes posible, para que exista fluidez de abastecemento aos distintos comercios”.
Alfredo Llano engadiu: “en canto ao sentido de tráfico nas rúas próximas (Eijo Garay, Leandro Cucurni e Curros Enríquez) vai seguir igual que ata agora, sen ningunha variación. De tódolos xeitos imos ver como avanza e como se desenvolve todo e se houbese que facer algún cambio xustificado estudarase”.
O Concello vai distribuír Bandos pola rúa Rosalía de Castro con información sobras as obras: “para que os veciños teñan claro como vai ser o tráfico e o acceso aos garaxes durante as obras imos informar cun Bando explicativo que se colocará en cada un dos edificios que hai na rúa Rosalía de Castro e tamén nos garaxes, para que todas as comunidades e todos os veciños estean ao tanto do inicio das obras e como lles van afectar. Agardamos a súa comprensión e que entendan que as obras son boas de forma colectiva, aínda que son moi molestas, pero unha vez rematadas dá gusto desfrutar delas e de ter cada día un pobo mellor”.