As obras de reforma do Anxo Carro avanzan coa nova bancada sur e a renovación das instalacións

LugoXa
A Xunta comproba o estado dos traballos nun proxecto de preto de 3,6 millóns de euros para modernizar o estadio do CD Lugo
supervisión-avance-obras-Anxo-Carro-CD-Lugo-Xunta
22 Jul 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou as obras de reforma do estadio Anxo Carro para comprobar o avance dos traballos, nos que o Goberno galego inviste preto de 3,6 millóns de euros. Na visita estivo acompañado polo arquitecto responsable do proxecto, representantes da empresa adxudicataria e membros do Club Deportivo Lugo, equipo que milita actualmente en Primeira Federación.

A actuación continúa avanzando nas distintas zonas do complexo deportivo. Os traballos de renovación dos aseos, do espazo destinado ao bar e das zonas comúns situadas nas bancadas norte e oeste atópanse xa na súa fase final.

Mentres, continúa a construción da nova bancada da zona sur, que será fixa e contará cunha capacidade para arredor de 1.300 espectadores. Nesta fase xa quedaron instalados os módulos prefabricados e os operarios traballan na montaxe da estrutura metálica que sosterá a cuberta.

Unha vez finalizada esta actuación, as obras trasladaranse á bancada principal, onde está prevista a substitución da cuberta, o reforzo da estrutura existente e a remodelación da zona do palco.

Outro dos elementos máis visibles da reforma é a colocación do novo revestimento metálico exterior de cor vermella, que xa se atopa moi avanzado e que cubrirá todo o perímetro do estadio, ofrecendo unha imaxe completamente renovada e máis homoxénea das instalacións.

A reforma permitirá modernizar o Anxo Carro, mellorando tanto os espazos destinados ao público como as dependencias de uso deportivo. O proxecto tamén inclúe actuacións para incrementar a accesibilidade, coa adaptación dos accesos e a ampliación dos corredores interiores.

Durante a visita, Alfonso Villares destacou o "firme compromiso" da Xunta coa mellora das infraestruturas deportivas da súa titularidade e sinalou que este investimento suporá "un salto cualitativo" tanto para o CD Lugo como para a cidade, ao dotar o estadio dunhas instalacións máis modernas, accesibles e preparadas para acoller competicións e eventos deportivos.

A pesar do avance dos traballos, a reforma continúa sen contar cunha data oficial para a súa inauguración. Esta circunstancia fai prever un atraso na finalización da actuación, inicialmente prevista para este verán.

0.11341714859009