As peticións de retiradas de niños de velutinas teñen que facerse a través de Tragsa ou do 112 para seren gratuítas

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Consorcio Provincial de Bombeiros explicou nun comunicado que as súas intervencións nestes casos por chamada directa de particulares pode ter un custe económico
nino-velutina
13 Feb 2026

O Consorcio Provincial de Bombeiros aclarou que a retirada de niños de vespa velutina conta cun protocolo específico establecido pola Xunta de Galicia, que canaliza este tipo de actuacións a través da empresa pública Tragsa, encargada de prestar o servizo de maneira gratuíta para a cidadanía.

Desde o organismo provincial explícase que, cando un particular chama ao 112 para comunicar a presenza dun niño, o aviso pode ser derivado aos parques de bombeiros. Non obstante, lembran que os bombeiros son un servizo de emerxencias regulado por unha ordenanza pública que establece a aplicación de taxas pola prestación de determinados servizos, especialmente cando se trata de actuacións en propiedades privadas que non revisten carácter de urxencia vital.

Segundo a normativa vixente, cando o servizo se realiza nun domicilio privado e non existe unha situación de risco inminente para persoas ou bens, aplícase a taxa correspondente pola mobilización de medios humanos e materiais empregados na intervención.

O Consorcio sinala que desde hai anos os parques de bombeiros informan expresamente ás persoas que contactan co 112 de que están solicitando a intervención dun servizo de emerxencias que pode ter custo. O procedemento habitual inclúe falar co titular da chamada para explicarlle a situación, indicarlle que existe un mecanismo gratuíto a través de Tragsa e advertirlle de que, no caso de manter a solicitude de intervención dos bombeiros, esta poderá estar suxeita á taxa recollida na ordenanza.

Desde o Consorcio Provincial de Bombeiros sublíñase que todas as actuacións se realizan conforme á legalidade vixente e aos protocolos establecidos, diferenciando entre as intervencións de emerxencia, que teñen prioridade absoluta, e aquelas actuacións para as que xa existe un procedemento específico habilitado pola Administración autonómica.

⚙ Configurar cookies
0.081818819046021