As piscinas de verán de Frigsa abrirán o 15 de xuño e manterán as tarifas da pasada tempada

LugoXa
As instalacións municipais permanecerán operativas ata o 15 de setembro e o Concello manterá aberta unha das piscinas climatizadas durante os meses de verán
entrada-piscina-Frigsa-exterior-Lugo
9 Jun 2026

As Piscinas Municipais de Verán de Frigsa, en Lugo, abrirán as súas portas para a tempada estival o próximo 15 de xuño e permanecerán en funcionamento ata o 15 de setembro. Así o comunicou a Concellería de Deportes, Xuventude e Infancia, que confirmou tamén o mantemento dos prezos vixentes en anos anteriores e a posibilidade de adquirir abonos para varias sesións.

Durante as quincenas comprendidas entre o 15 e o 30 de xuño e entre o 1 e o 15 de setembro, as instalacións abrirán de luns a venres entre as 14:00 e as 20:30 horas, mentres que os sábados e domingos o horario será de 12:00 a 20:00 horas.

Nos meses de xullo e agosto, o horario ampliarase de luns a venres, con apertura de 12:00 a 20:30 horas. As fins de semana manterase o horario de 12:00 a 20:00 horas.

As tarifas seguirán sendo as mesmas da pasada tempada. A entrada para menores de ata 15 anos terá un custo de 1 euro, mentres que o abono de 15 baños será de 10,80 euros. Para as persoas maiores de 16 anos, a entrada individual custará 2,20 euros e o abono terá un prezo de 22,30 euros. Os pensionistas e as familias de tres ou máis membros poderán acceder a un abono de 15 baños por 11,10 euros. Ademais, tamén estarán dispoñibles abonos de 15 baños por 29,90 euros e de 30 baños por 59,10 euros.

As instalacións exteriores de Frigsa contan con tres vasos adaptados ás diferentes idades e necesidades dos usuarios. Un deles é un prato sen profundidade destinado a menores de 3 anos. A piscina mediana, cunha profundidade máxima de 1,30 metros, está dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos. Pola súa banda, a piscina profunda dispón de oito rúas de 25 metros de lonxitude e unha profundidade que oscila entre 1,20 e 2,50 metros, sendo obrigatorio saber nadar para utilizala.

No que respecta ás piscinas climatizadas, o Concello manterá unha delas aberta durante todo o verán. Durante o mes de xullo permanecerá operativa a piscina climatizada de Frigsa, cun horario de luns a venres de 07:00 a 22:30 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas. Nese período, a instalación das Pedreiras permanecerá pechada debido ás tarefas de limpeza e mantemento.

En agosto producirase o cambio de instalación aberta. A piscina climatizada de Frigsa pechará, mentres que a das Pedreiras continuará prestando servizo no seu horario habitual: de luns a venres de 08:00 a 22:30 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.

0.10542297363281