As piscinas municipais de Castroverde pechan tras atopar restos de excrementos

As piscinas municipais de Castroverde permanecen pechadas despois de que se detectasen restos de excrementos nos vasos grande e pequeno das instalacións en dúas xornadas consecutivas, unha situación que obrigou a activar os protocolos sanitarios establecidos e a suspender temporalmente o servizo.
O primeiro incidente produciuse o sábado 8 de agosto, arredor das 18.20 horas, cando se localizaron excrementos no vaso da piscina grande. O Concello procedeu ao seu peche inmediato e ao precinto das instalacións para realizar os traballos de desinfección, hipercloración e os controis sanitarios necesarios antes da súa reapertura.
Ao día seguinte, o domingo 9 de agosto, detectáronse novamente restos de excrementos, nesta ocasión na piscina pequena. Este novo episodio obrigou tamén ao peche inmediato deste vaso e á aplicación dos correspondentes tratamentos e análises para garantir a seguridade da auga.
Desde o Concello explican que a reapertura das instalacións non poderá realizarse ata que os resultados das análises confirmen que a auga reúne todas as condicións sanitarias esixidas. Por este motivo, as piscinas continúan fóra de servizo mentres se completan os controis establecidos.
O Goberno local apuntou nos comunicados emitidos que os feitos poderían estar relacionados co denominado “reto marrón”, unha práctica difundida a través das redes sociais que xa provocou incidencias similares noutras piscinas de Galicia e doutros puntos do Estado.
A administración local lembrou que este tipo de comportamentos obrigan a interromper a actividade das instalacións, aplicar tratamentos específicos e realizar análises sanitarias que poden prolongar o peche durante varios días, ademais das molestias ocasionadas ás persoas usuarias.
O Concello pediu comprensión á veciñanza e apelou á responsabilidade e ao respecto polas instalacións públicas mentres continúan os traballos necesarios para recuperar a normalidade no servizo.
Esta non é a primeira vez que se atopan restos deste tipo. O ano pasado a piscina municipal de Monterroso tamén tivo que pechar debido a este "reto" de incivismo por parte dalgunha persoa que acode a desfrutar deste servizo público.