As pistas de squash do Pazo dos Deportes de Lugo recuperan a súa actividade tras a renovación dos espazos

LugoXa
A Vicepresidencia da Deputación destinou 36.000 euros á mellora das pistas, utilizadas habitualmente por clubs e deportistas particulares
renovación-das-pistas-de-squah-do-Pazo-Lugo
24 Aug 2026

As pistas de squash do Pazo dos Deportes de Lugo xa funcionan de novo a pleno rendemento tras finalizar os traballos de renovación contratados pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A intervención permitiu mellorar o estado dos diferentes elementos que conforman estes espazos deportivos e recuperar a súa actividade con normalidade.

Os traballos centráronse principalmente na renovación dos paneis de madeira da parede dianteira, que foron substituídos por un material de polímero de alta resistencia e hidrófugo. Ademais, actuouse sobre os muros laterais das pistas mediante a reparación e aplicación dun revestimento de morteiro.

A Vicepresidencia da Deputación destinou 36.000 euros a estas actuacións, que teñen como finalidade modernizar e actualizar as instalacións deportivas do Pazo dos Deportes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, destacou que se trata «dun investimento máis na modernización e actualización do Pazo», ao tempo que puxo en valor o uso que se fai destas instalacións máis alá do baloncesto.

«É unha instalación que, ademais de ser a casa do baloncesto, empregan deportistas doutras modalidades, ofrecendo un servizo fundamental para a actividade deportiva na cidade de Lugo», explicou Castro.

As pistas renovadas son utilizadas habitualmente por deportistas dos clubs lucenses Squash Muralla e Monstruíños, ademais doutras persoas que practican esta modalidade a título particular.

A actuación forma parte das intervencións destinadas á conservación e mellora dos espazos deportivos do Pazo dos Deportes, co obxectivo de manter as instalacións en condicións adecuadas para a práctica deportiva.

0.13158988952637